Ponteareas | A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, avanzou hoxe que o Goberno galego levará a cabo varias obras para acondicionar o refuxio de pescadores da Freixa, no Concello de Ponteareas, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética.
Durante a visita que realizou a este refuxio de pescadores, na que estivo acompañada pola alcaldesa da localidade, Nava Castro, a directora xeral de Patrimonio Natural subliñou que a intención da Xunta é acometer melloras como a renovación do mobiliario, a substitución do tellado e a reforma do sistema de climatización para acadar unha maior eficiencia enerxética.
O obxectivo do Goberno galego é garantir que os usuarios deste espazo conten coas mellores condicións posibles para levar a cabo as súas tarefas. Nese senso, cómpre lembrar que nestas instalacións, ademais de celebrarse os sorteos para a colocación de estacadas para a pesca de lamprea no río Tea, tamén se desenvolven actividades de educación ambiental para veciños, escolares e visitantes.
Ademais, é o espazo no que realizan o seu labor os axentes ambientais responsables da estación de captura da Freixa, que é onde se leva a cabo a extracción dos peixes que transitan por este punto do río Tea co obxectivo de coñecer a evolución das poboacións de especies como o salmón atlántico, o reo, a troita de mar, a lamprea ou a anguía.
Marisol Díaz tamén salientou o compromiso municipal coa preservación do seu patrimonio natural. Nesa liña, puxo como exemplo o proxecto co que pretende realizar unha restauración ecolóxica da praia fluvial da Freixa, que inclúe aspectos como a recuperación da vexetación de ribeira, a dotación de sendas peonís que conecten a zona de baño cun aparcamento disuasorio e a integración paisaxística do cámping e das zonas de lecer coa plantación de arborado autóctono.
A maiores, a directora xeral lembrou que o Concello tamén ten previsto mellorar a senda fluvial do Tea para equilibrar a demanda de mobilidade da poboación, a conservación do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. Así, repararase o pavimento, renovarase a vexetación da contorna e retirarase unha construción de formigón en ruínas. Estas actuacións permitirán garantir o equilibrio entre a preservación da riqueza ambiental e paisaxística destes espazos co seu desfrute sostible e responsable por parte da veciñanza e dos visitantes.