Ponteareas terá servizo de rescate canino para persoas desaparecidas

Asinado convenio entre o Concello e CANSURGAL

Ponteareas | Actuar o antes posible para salvagardar a vida, esa é a misión da Asociación Grupo de Búsqueda Rescate Cans Sur de Galicia (G.B.R. CANSURGAL) que vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Ponteareas para cubrir emerxencias na procura de persoas desaparecidas.

Seis cans guiados polos seus donos e voluntarios de CANSURGAL conforman esta unidade cinológica que adestra no cámping da Freixa e en distintos puntos da zona como campos abertos, bosque con maleza, ruínas ou interiores para estar en forma e acadar resultados vitais.

Motivados polo xogo axudan a salvar vidas, cans de palleiro e de distintas razas conforman esta unidade. Aseguran dende CANSURGAL que para ser un can de rescate non fai falla ser dunha raza determinada, tan só ter curiosidade e ganas de acadar o gran premio do xogo. De feito, salientan que na unidade hai varios cans e cadelas procedentes do refuxio de animais e adoptados por voluntarias e voluntarios que os adestraron para agora ser superheroes.

A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Carrera, agradecen o traballo desinteresado deste equipo que intervirá nas vintecatro parroquias de Ponteareas e nos concellos limítrofes e recoñecen a valía do seu servizo altruista “porque a súa actuación pode ser decisiva á hora de atopar con vida ás persoas”.

Sinala a alcaldesa que “esta colaboración permite ofrecer un servizo máis á cidadanía e ampliar os recursos de intervención en emerxencias porque sabemos que neses intres todas as mans son poucas e os segundos poden ser decisivos”.

Sen ánimo de lucro e empáticos, este grupo de guías voluntarios recibe formación básica para un mellor desempeño das súas funcións. Así, asisten a cursos sobre educación canina de base e modificación de condutas; adestramento de cans para búsqueda; cartobrafía e topografía, primeiros auxilios ou rescate vertical nivel básico, así o explica Jesús Rodríguez, bombeiro de Ponteareas e guía de cans detectores de substancias nivel III, guía de cans de búsqueda por olor de referencia mantrailing pola A.N.A.C.P. e formado pola A.G.A.S.P- en búsqueda e salvamento en grandes áreas con unidades caninas. Nestes intres son oito membros pero adianta Jesús Rodríguez que hai dúas prazas libres “de difícil cobertura ao ser unha actividade que require moito compromiso e constancia”.

Coordinados polos servizo de bombeiros de Ponteareas actuarán só por requerimento do responsable da Unidade de Emerxencias, Roberto Castro. “Tendo en conta o importante número de poboación maior e para axudar ás persoas nos momentos máis difíciles consideramos que o traballo desta unidade é un servizo fundamental que ten máis que probada a súa eficacia”, sinala Juan C. Carrera.

Guiados polo seu olfacto Ares, Boby, Dana, Kenay, Bol e Nalason son capaces de atopar as persoas vivas ou falecidas incluso debaixo de escombros. Áxiles e rápidos poden rastrear zonas moi amplas, acceder a espazos intransitables para as persoas e detectar a presenza dun corpo independentemente de se é de día ou de noite.

A este equipo sumarase cando rematen satisfactoriamente o seu ano e medio de formación Erik, Zeus e Nube. Tamén contan con Xena, unha cadela detectora de substancias coa que realizan exhibicións.

Este convenio de colaboración terá unha duración de catro anos nos que o Concello deberá facilitarlles un espazo municipal para gardar o material e usar a modo de base.