Ponteareas | O Concello de Ponteareas ultima a convocatoria do VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey co que quere lembrar o nacemento, na vila do Tea, do ilustre polígrafo e poeta Fermín Bouz Brey. Nestes días o Concello anunciará a través do seu web e das redes sociais as datas de comezo do prazo de presentación dos traballos no marco deste premio que pretende recordar cada ano a figura deste ilustre ponteareán.
Lois Ladra foi o gañador da anterior edición co seu traballo ““A lamprea nas terras do Condado: Aspectos etnolóxicos da pesca fluvial e artesanal e do patrimonio fluvial o río Tea”.
O premio permite promover a investigación científica sobre Ponteareas e a comarca do Condado, co que iso supón de afondamento na identidade cultural de Galicia. Este premio, está aberto aos proxectos de investigación científica nos campos da historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais, que terán que ter, obrigatoriamente, como referente o municipio de Ponteareas e complementariamente, a comarca do Condado.
Unha vez que se levante o estado de alarma e no prazo que se establecerá, as propostas deberán ser inéditas e a súa presentación farase con carácter anónimo, cun sobre pechado no que figuren os datos do autor.
Os 3.000€ de premio serán entregados en dúas partes, o 50% entrégase unha vez fallado o premio e o outro 50% restante á entrega do traballo de investigación─ dito proxecto debe presentarse cunha memoria onde figuren os obxectivos, metodoloxía, periodización, recursos a empregar, e temporalización do traballo, entre outros.
O prazo de presentación dos proxectos previsiblemente será de tres meses despois da súa publicación no BOP. O Concello comunicará a través do seu web e redes socias a convocatoria.