Ponteareas | O Concello de Ponteareas informa que comezou hoxe a funcionar a nova depuradora. Ao longo de seis meses estará nun período de probas para ser logo recibida polo Concello. Con esta posta en funcionamento as obras da nova depuradora entran en fase final segundo informou o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, na súa visita á ponte de San Roque, lugar onde se intervirá nestes meses.
Xunto á concelleira de Infraestruturas, Raquel Bautista, ao director de obra e técnicos da empresa adxudicataria percorreron a zona nas que se obra nestes meses, un punto de especial dificultade ao estar preto dun elemento patrimonial de alto valor. O tenente de alcaldesa adianta que nos vindeiros meses continuarán tamén co acondicionamento e reposición da zona afectada polas obras.
A nova depuradora garantirá que non se verta ao río residuos prexudiciais. “Esta era unha obra moi necesaria para protexer o medio ambiente e tamén para dar un servizo axeitado á cidadanía. Un avance moi agardado”.
A depuradora recibe o saneamento do centro urbano e da totalidade de todos os colectores. González Carrera agradece a colaboración da cidadanía sendo consciente “de que as obras sempre supoñen incomidade aínda que neste caso coa satisfacción de que estamos a dar un paso importante no coidado e protección do noso río”.