Pontevedra | A igrexa do Convento de Santa Clara será este ano a sede das Noites de Música Antiga, o ciclo musical que cada verán organiza o Museo de Pontevedra. As dúas actuacións programadas nesta XIV edición son as de Resonet o venres 14 de xullo e de Ars Nova o venres 28 do mesmo mes, ambas ás 20:00 h. O acceso é de balde ata completar a capacidade.
Resonet formouse en 1990 en Santiago de Compostela, baixo o impulso do laudista Fernando Reyes, quen dirixe o grupo, e a soprano Mercedes Hernández, tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino.
Os seus compoñentes están especializados na interpretación da música antiga nos máis recoñecidos centros de formación de Europa e ao longo da súa traxectoria realizaron numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios por todo o continente e contan cun importante número de gravacións editadas.
A formación está composta por Mercedes Hernández (soprano), Christian Losada (tenor), Paulo González (frautas) e Fernando Reyes (tiorba, guitarra barroca e dirección). Resonet dedica grande atención á música relacionada con Galicia e co Camiño de Santiago en particular, e isto tamén se apreciará no programa do seu concerto en Pontevedra.
O programa da súa actuación divídese en cinco partes: a canción do bo camiño, a canción da boa vida, a canción do amor e da morte, a canción do paraíso e a canción de Santiago. Nelas soarán temas desde o século XII (Vox nostra renonet, do Códice Calixtino) ata o século XVII, con pezas de compositores e compositoras como Claudio Monteverdi, Barbara Strozzi e Henry Purcell, entre outros.
Ars Longa o venres 28
O segundo e último concerto do ciclo terá como protagonista os tesouros musicais de América, a cargo de Ars Longa. Esta formación foi creada por Teresa Paz e Aland López en 1994 en La Habana, con intérpretes saídos dos conservatorios da capital cubana e do Instituto Superior de Arte, dedicados ao labor de recuperación e estudo do repertorio entre a Idade Media e o Barroco, con especial atención á música do período colonial na América Hispana.
Ao longo destas case tres décadas de vida, Ars Longa actuou en relevantes festivais de música nacionais e internacionais de Europa e América e gravou once álbums dedicados á música do período colonial de España en América. A formación no concerto en Pontevedra estará composta por Teresa Paz (soprano e dirección), Andrea Trueba (mezzosoprano), Aland López (arquilaúde e guitarra barroca) e Beatriz López (viola da gamba).
Co título ‘Tesouros de América’, o programa que interpretarán no convento de Santa Clara comprende unha ampla e coidada selección de compositores que se moven entre América e España, ben persoalmente ou ben a súa música, integrada como parte do patrimonio da música das cidades do Novo Mundo hispano. Entre pezas vocais e instrumentais, achegan un repertorio variado e representativo da altísima altura artística que se acadou nos ámbitos relixiosos e profanos, cunha sorprendente mestura de ritmos, xiros melódicos e mesmo de linguas, como se aprecia en varias das obras deste programa.