Pontevedra | A resolución publicada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sitúa á provincia de Pontevedra como a terceira de España (só por detrás de Barcelona e Valencia e xusto por diante de Madrid) que máis proxectos de rehabilitación de edificios públicos vai sacar adiante con cargo ao Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (PIREP local), un programa financiado con fondos europeos Next Generation.
A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou o fito e recordou que a Deputación xa convocou este ano o plan provincial Reacciona Pontevedra (ReacPon) que, entre outras cousas, financia a rehabilitación de equipamentos municipais adiantando nas bases a compatibilidade coas axudas doutras Administracións, nun claro exercicio de previsión diante da posible chegada de fondos europeos. Ademais, a Deputación convocou unha liña de subvencións específicas para axudar á elaboración e adaptación dos complexos proxectos que os concellos tiveron que presentar para cumprir as esixentes bases do PIREP.
“Somos a provincia de Galicia que máis recursos vai recibir deste programa dos Next Generation”, celebrou Carmela Silva. En total, o PIREP repartiu 12,1 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos que case 6 millóns de euros correspóndense con proxectos xestionados coa cobertura da Deputación. Estes números poñen de relevo “o efecto mobilizador e multiplicador das actuacións que vén levando a cabo a Deputación en materia de captación de fondos europeos”, remarcou Carmela Silva.
Dos 17 proxectos provinciais aprobados, un total de 10 levan o selo da Deputación de Pontevedra (9 subvencións para concellos e unha décima para a propia Deputación). A provincia de A Coruña logrou a aprobación de 11 proxectos e 11,7 millóns de euros; Lugo, 7 proxectos e 3,27 millóns de euros, e Ourense, un proxecto por valor de 77.563 euros. Deste xeito, na provincia de Pontevedra concéntranse preto da metade do total dos proxectos galegos aprobados nesta convocatoria do Plan de Recuperación, tanto por número de proxectos como por importe subvencionado.
“Ningunha outra Administración fixo este esforzo en todo o Estado”, asegurou a presidenta valorando a cobertura técnica dada pola Deputación tanto para a redacción dos proxectos como para o encaixe cos proxectos que xa contaban con subvención do plan provincial ReacPon. “Somos a Administración que está máis cerca dos concellos, e iso demóstrase con feitos, non con palabras”.
Este apoio foille de utilidade aos concellos de A Cañiza, A Guarda, Meis, Moaña, Oia, Poio, O Rosal, Soutomaior e Tui que lograron entrar no PIREP baixo o “paraugas” da Deputación e cunha achega global de 4,4 millóns de euros. Ademais, o proxecto con maior importe subvencionado na provincia de Pontevedra é o impulsado pola propia Deputación para a rehabilitación do colexio Daría González, situado no Centro Príncipe Felipe. A Deputación captou 1,76 millóns de euros para esta actuación concreta. Gracias a este financiamento europeo agora poderá “facer fronte a outras cuestións importantes, xa que son recursos propios que imos aforrar”, explicou Carmela Silva.
“Este apoio foille de utilidade aos concellos de A Cañiza, A Guarda, Meis, Moaña, Oia, Poio, O Rosal, Soutomaior e Tui que lograron entrar no PIREP baixo o ‘paraugas’ da Deputación”
En concreto, por concellos, A Cañiza conseguiu unha axuda no marco do PIREP local de 727.679 euros para levar a cabo a rehabilitación enerxética da súa piscina municipal; A Guarda conta con 385.754 euros para o proxecto de execución de reforma e ampliación do pavillón polideportivo da Sangriña; Meis, con 388.604 euros para a rehabilitación do centro deportivo para a mellora da eficiencia enerxética e condicións de saúde; Moaña recibe 487.742 euros para o proxecto básico e de execución de rehabilitación do edificio do antigo Concello, e Oia executará o proxecto “Eira Nova” de reforma da Praza de Abastos grazas a 592.705 euros.
Por outra banda, Poio recibe 158.480 euros para o proxecto que ampliará o Centro Social de Arén, en Samieira; O Rosal procederá á rehabilitación enerxética da escola unitaria de Tabagón con 389.532 euros do PIREP local; Soutomaior levará a cabo a rehabilitación integral do edificio para usos múltiples en Oliveira cunha axuda de 297.679 euros, e, por último, Tui recibe do Plan de Recuperación 793.725 euros para a rehabilitación dunha edificación tradicional para empregar como espazo multiusos sociocultural.
O éxito dunha Oficina de Proxectos Europeos que agora imitan outras Administracións
Estes resultados no PIREP local, remarcou Carmela Silva, son “unha mostra máis do bo traballo que a Deputación de Pontevedra realiza desde a Oficina de Proxectos Europeos”, creada o ano pasado e que conta cunha unidade de soporte específica para facilitar o acceso aos fondos do Plan de Recuperación aos concellos de toda a provincia, destacou Carmela Silva. A Deputación de Pontevedra é a única Administración que creou unha oficina destas características en tempo e forma, que asesora aos concellos e que, ademais concédelles axudas para que os seus proxectos se axusten as bases e teñan a calidade necesaria.
O referendo a ese traballo é este espectacular resultado, concluíu a presidenta Carmela Silva. “Pretendiamos que os concellos máis pequenos non perderan a oportunidade de acceder a estes recursos tan importantes e que se reparten en convocatorias complexas”. Un modelo de traballo no que a Deputación está a ser pioneira e que administracións como a Xunta de Galicia intentan imitar agora co anuncio da posta en marcha dunha plataforma de axuda aos concellos.