Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o compromiso e o apoio do goberno provincial coa organización do campionato de Europa de Ciclocrós, que terá lugar na cidade de Pontevedra os días 2 e 3 de novembro, nunha reunión de traballo co presidente da Unión Europea de Ciclismo, Enrico della Casa; na que tamén participaron o secretario xeral da Real Federación Española de Ciclismo, Alejandro Martín; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; así como os vicepresidentes da Deputación, rafa Domínguez e Luisa Sánchez.
Durante o encontro, Luis López escoitou as necesidades do organismo continental para garantir o éxito da competición e destacou a importancia que ten o deporte e a organización de eventos deportivos de alto nivel, como este Europeo, para a promoción de Pontevedra e da provincia como destino de referencia para o turismo asociado ao deporte.
Do mesmo xeito, o mandatario provincial confirmou o apoio económico e loxístico da Deputación para os labores organizativos.
O fomento do deporte é una liña estratéxica para a Deputación que, ademais de elevar a partida orzamentaria desta área nun 16 % ata os 5,5 millóns de euros, promove a organización de eventos de especial relevancia como os partidos da selección nacional de fútbol feminino ou dos combinados nacionais de balonmán masculino e feminino na provincia, así como a etapa final do Gran Camiño ou o regreso de La Vuelta a España este verán pola provincia.