Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar dúas novas iniciativas provinciais de apoio ao sector cultural cun investimento que ascende a 240.000€. Dunha banda, deu luz verde á concesión das subvencións a 14 entidades de 9 concellos para apoiar a festivais musicais e de artes escénicas na provincia cun investimento total de 150.000 € e, por outra, a Xunta aprobou as condicións da liña de patrocinios de “Pontevedra Provincia, plató de cinema”, aos que se destina 90.000 €.
No que atinxe ás achegas para o financiamento dos festivais musicais e de artes escénicas, neste 2023 financiaranse eventos nos concellos de Cangas, Cuntis, A Estrada, Mos, Redondela, Salvaterra de Miño, Tui , Vigo e Vilaboa. En concreto, na comarca de Vigo a Deputación subvencionará un total de seis eventos, dos que tres se celebrarán na cidade de Vigo, en concreto o Vertixe 11 (promovido pola Asociación Cultural Vertixe), o XXX Revoltallo de Música e Cultura Emerxente (da Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo Valadares) e o The Wild 2023 V Edición. Outros dous terán lugar en Redondela, o XVI Festival de Música Alternativa Millo Verde (Asociación Millo Verde) e XXIV Festival Internacional de Títeres Memorial Juanjo Amoedo 2023 (que organiza a Asociación Xente Titiriteira), mentres que en Mos a achega será para o VIII Festival Intercéltico O Son do Pazo (promovido pola Asociación Cultural e Deportiva Santa Eulalia)
No que atinxe á comarca do Morrazo, financiaranse tres festivais en Cangas, a XXXX Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (Asociación Xiria); o XII Kanekas Metal Fest 2023 (Asociación Cultural Morrazica) e a XXII Festa Folc de Vilariño (Asociación Cultural O Gato). Por outra banda, na comarca de Pontevedra, finánciase en Cuntis o Festival A Revolta do Umia 2023 (da Asociación Cultural A Revolta do Umia de Cuntis) e no concello de Vilaboa o Canteirafest 2023 (Asociación Cultural Asemblea da Mocidade). En Terra de Montes, A Estrada celebrará As Nosas Músicas 2023 cunha achega para a Asociación A Xesteira, mentres que no Baixo Miño, financiarase en Salvaterra do Miño o 35º Festival da Poesía do Condado (Asociación Sociedade Cultural e Deportiva Condado) e en Tui o 11º Festival IKFEM. (Asociación Xuventudes Musicais Eixo Atlántico).
Plató de Cinema
Doutra banda, a Xunta de Goberno tamén vén de aprobar a liña de patrocinios de producións audiovisuais “Pontevedra Provincia, Plató de Cinema” para apoiar a entidades privadas que realicen proxectos audiovisuais en galego e seguir “impulsando esta provincia como escenario de rodaxes”. As bases establecen que as axudas terán unha contía máxima de 25.000 € para longametraxes e de 3.500€ para as curtametraxes.
As produtoras que desexen optar a estes patrocinios deberán cumprir requisitos como que a rodaxe sexa exclusivamente en lingua galega; que a provincia sexa o principal escenario de rodaxe; que os lugares sexan recoñecibles como parte do seu patrimonio material, inmaterial, natural, social ou histórico e que o período de realización comece neste 2023 e remate antes do 30 de setembro do 2024. As solicitudes, por vía electrónica, presentaranse a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia e rematarán o 31 de xullo de 2023 e as entidades deberán entregar unha memoria explicativa do proxecto audiovisual; un plan de promoción da Igualdade e relación do equipo directivo, técnico e elenco actoral; detallar a traxectoria e historial de premios da directora ou director/produtora ou produtor e do elenco actoral, amais do plan publicitario e o orzamento da produción.
Ciclo Mestre Mateo
A Deputación de Pontevedra tamén está a colaborar por segundo ano coa Academia Galega do Audiovisual para a posta en marcha do Ciclo Mestre Mateo, que leva o cinema galego aos concellos da provincia. Neste 2023, a programación desenvolverase en Baiona, A Estrada, O Grove, Caldas de Reis e A Guarda. O programa conta con longametraxes de ficción, animación, documentais e inclúe finalistas e gañadoras da última edición dos Mestre Mateo, como María Casares, a muller que viviu mil vidas, mellor documental; Unicorn Wars, mellor longametraxe de animación e O corpo aberto, mellor longametraxe. Amais, proxectaranse os documentais A foreign song, Onde máis doe e Non somos nada; o thriller Código Emperador e o filme de animación Valentina.