Politica é unha actividade tan vella como a humanidade. Dende que os simios ergueron as patas dinteiras ata hoxe, e aínda antes diso, os habitantes deste Planeta Terra tiveron que organizarse dalgún xeito. Non imos facer aquí, obviamente, unha demostración dos nosos coñecementos da Historia porque tampouco son demasiados. Só prendemos deixar asentado que facer política, dedicarse á politica, é algo que sempre se fixo voluntariamente. Ben fora porque se herdaba da familia e había que seguir a tradición, ben porque apetecía ser dirixente, xefe, macho alfa.
Se isto é así non entendemos os comportamentos dos políticos actuais. Tanto se dos altos cargos se trata (xefes de Estado, Primeiros Ministros, alcaldes). Dá o mesmo. Están aí porque decidiron demostrar que eles/as eran quen de facer as cousas mellor que os que ocupaban eses cargos. Aínda máis; percorreron miles de quilómetros falándolle á xente, tratando de convencer os cidadáns que eran mellor que os que estaban ocupando eses lugares de mando. Porque todos teñen mando. E aquí non queremos deixar de lembrar un dito moi popular (alguén dixo que o autor fora Franco), cando di que “a un galego dáslle un carguiño e xa tes un xeneral”. Algo diso hai. Vemos, en efecto, como quen ata onte era un simple mortal, ou acaso un concelleiro dun concello calquera, no momento en que por arte de birli birloque lle entregan o bastón de mando de calquera institución se transforma de tal maneira que ás veces resultan irrecoñecibles. O poder que ese sinxelo bastón confire é de tal naturaleza que transforma a calquera.
Ben. Nada temos en contra; cada quen pode presumir do que se lle antolle. O que xa non aceptamos é esa faciana de vítimas cando chegan ao poder e lle toca dar trigo e non predicar que traten de escudarse sempre nos gobernantes anteriores.
Estes días e sempre, observamos como cada vez que un cargo público se ve diante dunha esixencia dos cidadáns automaticamente lle flúe, lle sae como se o tivera ensaiado, “a culpa é do goberno anterior que nos deixou unha herdanza terrible. Menos mal que chegamos nós e xa estamos endereitando as cousas”.
Pero, alma de cántaro, a ti quen che obrigou a meterte aí? Acaso non sabías o que ías recibir en herdanza política? Se estabas metido no allo, dalgún xeito, ben cogobernando, ben na oposición, e non coñecías o terreo es un perfecto irresponsable tratar de ocupar un cargo, para o que te confesas incapaz de defender dunha maneira aceptable.
Asistimos a uns momentos en que a todos ou cáseque a todos nos gusta ocupar cargos políticos. Ben sexa nos concellos, ben sexa nos gobernos autonómicos ou do Estado. Hai homes e mulleres que “fixeron unha carreira política”. Si; dende que saíron do instituto ou da universidade só se dedicaron á política. Primeiro como cachorros dos partidos (as chamadas novas xeracións), logo xa como concelleiros ou deputados e finalmente como alcaldes ou presidentes de calquera das moitas institucións políticas que existen nesta pel de touro. Creo que temos demasiadas e así nos vai. Pero iso cecais o tratemos noutro momento.
O certo é que actualmente asistimos a un discurso monocorde de políticos que, cada vez que se enfrontan a unha dificultade ou a unha esixencia dos veciños/as, soltan como se tiveran un resorte,”a culpa tena o goberno anterior que non gobernou ben e agora temos que endereitar o barco e iso leva tempo”. E así unha e outra vez. Nunca saberemos canto tempo precisan para endeitar ese barco e demostrarnos que saben navegar de verdade e doutra maneira, porque iso foi, precisamente, o que nos venderon cando nos pediron o voto.
Señores e señoras, por favor; póñanse a gobernar dunha vez e esquezanse dos seus antecesores. Nós xa sabemos como eran; xa os sufrimos ou gozamos. Agora é a súa hora da verdade.Traballen, demostren que son mellores; que teñen ideas modernas e beneficiosas para todos nós. E se non son quen de facelo, por favor, dígannos que non volven a intentalo. Así, polo menos teremos a esperanza de que non van sermonearnos co “a culpa foi dos outros”. Xa nós elixiremos os que entendamos o poden facer mellor.