Espero que Sami Naïr non se incomode por utilizar o titulo do seu libro sobre as últimas revolucións e contrarrevolucións do mundo árabe para este meu comentario.
Obviamente non pretendo facer un paralelismo entre o que estes días ocorre en varias cidades do Estado pola detención do rapeiro Pablo Hasél e o que pasou nos diferentes países árabes hai unha década. Aquí as cousas comezaron porque as autoridades xudiciais consideraron que certas expresións do rapeiro non tiñan encaixe dentro dos limites da liberdade de expresión e consideráronas ofensivas; por elo foi condenado a entrar no cárcere, aínda que xa tiña en suspenso outras causas por parecidos delitos.
Os medios controlados polos tres monopolios da información, case que sen excepción, elevaron este feito ata alturas inimaxinables. Como en Fuenteovejuna condenaron ao rapeiro e deron “cobertura legal”, que non lexítima, ás decisión xudiciais.
Aquí o de menos é se o rapeiro ofende tanto ou canto, o importante é que o Poder non pode tolerar este tipo de cousas. Ninguén quere admitir que nos baixos fondos das protestas están asolagados dereitos e demandas insatisfeitas. Enchen a boca con “democracia”, “orde social”, “respecto polo alleo”, e outras lindezas.
Sami Naïr dinos que nas últimas décadas a integración social deixou de funcionar. Porén, centos de miles de mozos formados e desenganados van chegando a unha sociedade cada vez máis mundializada e globalizada que se ve afectada polo estrangulamento do mercado laboral. Esta mocidade esixe un oco no reparto da riqueza.
No caso dos países árabes estudiados polo autor dinos que aí dispuñan dunha válvula, a emigración, que lles permitía librarse de grande camadas de mozos reivindicativos. Aquí nós tivemos o mesmo, só que agora, na situación en que nos atopamos, xa non dispoñemos desa solución. Pola contra, son milleiros de inmigrante os que tentan chegar a nós para buscarse un anaco de pan que levar á boca. Claro que aquí non só non lle solucionamos o problema senón que pasan a ser obxecto de mofa por un lado e de ataques xenófobos por outro. Castelao dicía “o galego non protesta, emigra”. Hoxe esa saída está pechada. Agás os universitarios que saen das nosas universidades extraordinariamente preparados e teñen que irse ao estranxeiro para poder traballar do que saben. O noso orzamento para investigación e desenvolvemento (I+D+I) non despega. Os empresarios dinnos que o noso PIB non é dos peores da zona pero as capas de pobreza e de exclusión social aumentan cada ano. Esperemos ao remate da pandemia e dos ERTES; o aumento de paro laboral vai ser de campionato.
As demandas dun cambio de modelo económico cando non son atendidas vólvense explosivas. A mocidade comproba como os grandes lobbys están á espreita para facerse cargo desa inxente cantidade de cartos que din nos vai chegar de Europa. Será para fomentar a actividade laboral e contratar máis persoal? Será para botar man dos nosos universitarios que están esperando a ocasión para demostrar o que valen? Nin o soñen. O que pretenden e cambiar o modelo produtivo para que con menos obreiros, menos persoal laboral e máis aparatos cibernéticos as súas empresas sigan producindo máis e mellor. Aquí temos unha incógnita: a quen pretenden venderlle esa inxente produción se os posibles compradores dispoñen cada vez de menos recursos? Neste punto vénsenos á mente algo que limos tempos ha sobre unha empresa automobilística que se instalou non pobo africano. Facíalles aos seus obreiros ofertas moi tentadoras para que mercasen un coche. Cando lle preguntaron a unha parella de traballadores xa metidos en anos para que usaban o seu coche do trinque, responderon: “Os domingos subimos aí á montaña, estamos un rato vendo a paisaxe e volvemos para a casa”.
Á empresa non lles importaba se os traballadores precisaban ou non un automóbil, o que interesaba era vender. Claro que agora iso é imposible, porque o que vai pasar é que desaparezan os pretendidos compradores. Se non hai postos de traballo non pode haber cidadáns co poder adquisitivo suficiente para mercar nada.
Isto a onde nos leva? Pois moi sinxelo. Dicir que aquí está a nai do año que arde nas rúas de varias cidades españolas pode parecer unha inxenuidade. Pero se nos internamos no miolo do problema xa non seria tal.
As protestas pola detención do rapeiro Pablo Hasél comezaron sendo iso; unhas protestas obvias por un amigo, compañeiro ou referente que resulta ser detido e metido no cárcere por unhas frases ou ditos máis ou menos afortunados. Ese foi o misto que prendeu no material inflamable que estaba, está, aí en cada recuncho deste País. Ata agora as grandes cidades do mundo ofrecíannos mediante a literatura escenas dantescas de barriadas enormes con centos de miles de persoas novas e non tan novas que vivían ao marxe da lei. Lembro que anos atrás a policía francesa confesaba non atreverse a entrar nun barrios francés das aforas de París porque alí eran esperados con todo tipo de armas de fabricación caseira (non eran as que Aznar dixo que había en Iraq) e que eles, os policías non eran quen de repeler. Así noutras cidades ao longo e ancho do mundo. Hoxe iso xa pasou a un segundo plano. Hoxe eses milleiros de mozos e mozas desesperados e sen nada que perder conviven entre nós. Son os fillos e fillas dos nosos veciños que están un dia si e outro tamén matando o tempo polos bares ou cafeterías, as veces con café durante horas porque o presuposto non lle da para máis.
Así, a esta perola social colocada nun trepio non lle falta quen atice o lume. Grupos políticos organizados con garabata e traxe de Armani, que se aproveitan de “canto peor, mellor”. Cando ocorre un feito lamentable coma o de meter na cadea a un rapeiro por supostas difamacións e delitos de expresión salta a chispa e prodúcese o incendio. Unha vez comezado xa resulta imparable porque os chamados a buscar solución responden coa “razón da forza”, non coa forza da razón. Saltan ao campo de xogo todos os plumillas pesebristas que non lles preocupa facer leña dunha árbore caída. O que importa é encher páxinas e páxinas e dar titulares; carnaza para os cans de presa que están esperando para desacreditar a eses miles de mozos e mozas aos que nunca defenderon cando o precisaban.
Arden as rúas de España, esa “grande e libre” que volvemos escoitar cando pensabamos estaba no baúl dos malos recordos de Carina. Resulta facilísimo culpar aos “incendiarios” físicos, tanxibles, visibles polos medios de comunicación que non perden ripio para facelos “famosos”, pero nada se escoita de que facer con todos eles unha vez rematada a lavarda, a algarada. Que solicitou unha entrevista con esta mocidade para preguntarlle por que se voltan tan violentos. Quen se procurou de coñecer in situ, tété a tété, que razón poderosas os moveron? Ou damos por sentado que son unha panda de descerebrados, de tolos de atar? Supoño que non. Aí, nese cóctel explosivo, pode estar un dos nosos fillos ou fillas. Aí poden estar miles de mozos despedidos de contratos en precario que non cotizaron á SS. Aí poden estar dende “os fillos de papá” que non aceptan unha vida inútil e sen futuro decente que lle ofrecen os seus maiores, aí pode estar calquera dos mozos e mozas levados ao ostracismo, á ignorancia como cidadáns preparados e listos para ofertarnos un mundo mellor.
Hoxe ninguén se preocupa diso. Hoxe só lamentamos as perdas económicas de tantos comerciantes que sen ter parte nin arte son prexudicados indefensos ante tanta barbaridade. Piden a gritos que se remate con situación coma esta. Pero…Que estamos facendo para que mañá non se produza outra parecida?
Estes días escoitei a un político de alto cargo dicir “es preciso reformar el Código Penal pero no será mientras existan protestas en las calles” . E tanto como se o médico di: a este enfermo nin auga mentras siga dicindo que lle dou todo o corpo”.
Na introdución da súa obra, “Como mueren las democracias”, Steven Levitsky e Daniel Ziblatt pregúntanse se a democracia estadounidense está en perigo. Pregunta que, aseguran endexamais pensaron terían que formular.
Durante máis de 15 anos levan reflexionando e escribindo sobre os fallos democráticos doutros países sen pensar que EEUU tamén estaba doente. Crían que as veteranas institucións americanas resistirían calquera veleidade por moi atrevida que fora. Comprobaron con estupor que non era así. Din estar preocupados porque os políticos estadounidenses actuais tratan aos seus adversarios coma inimigos, intimidan á prensa libre e ameazan con impugnar os resultados electorais. Intentan debilitar as defensas institucionais da democracia incluídos os tribunais, os servizos de intelixencia, as oficinas de ética, etc.
Os estados americanos que no seu dia foron aupados polo grande xurista Louis Brandeis como “laboratorios de democracia”, corren o risco de converterse en laboratorios de autoritarismo. Hoxe en día as democracias non sucumben a “golpes de estado” como ocorreu en Chile, en Venezuela no seu dia, en Polonia. Hoxe pola vía electoral non ocorre nada disto. A poboación segue votando, os autócratas electos manteñen un parecido democrático, a que van destripando ata despoxala de contido.
Moitas medidas gubernamentais que subverten á democracia son “legais”, no senso de que as aproba a asemblea lexislativa ou os tribunais. Incluso poden ser vendidas á poboación como medidas para sanear o proceso electoral. A prensa segue publicándose, aínda que subordinada ao Poder, ou baixo unha disimulada censura. Os cidadáns seguen criticando ao Goberno , pero con frecuencia se atopan lidiando con impostos ou outros problemas legais. Todo isto aboa a confusión pública; a poboación non se decata de inmediato; moitas persoas cren que viven nunha democracia.
En 2011, unha enquisa del Latinobarómeto solicitaba aos venezolanos que cualificaran ao seu propio país do 1 (nada democrático) ao 10 (completamente democrático). O 51% dos enquisados déronlle unha puntuación de 8 ou superior.
Dado que non existe un único momento (non hai golpe de Estado, lei marcial ou suspensión da Constitución) en que o goberno cruzaría a liña e converteríase nunha ditadura, nada fai soar as alarmas entre a poboación. Os que denuncian abusos do Goberno poden ser descualificados como esaxerados ou alarmistas. Para moitos cidadáns a erosión da democracia é case imperceptible. As democracias funcionan mellor e sobreviven máis tempo cando as constitucións se apuntalan con normas democráticas non escritas. Son normas básicas a tolerancia entre os distintos grupos políticos, o acordo de aceptarse como rivais lexítimos e non como adversarios e resistir a tentación de usar as institucións en beneficio propio cando estean no Poder. Nestes momentos vemos como estes gardarraís da democracia se están debilitando.
Para rematar, permítanme que lle conte unha fábula de Esopo: “O cabalo, o cervo e o cazador”, a propósito do uso e abuso do Poder.
“Un cabalo decidiu vingarse de certo venado que o tiña ofendido e comezou a perseguilo. De contado comprobou que só non podía alcanzalo e solicitoulle axuda a un cazador. Este accedeu pero díxolle: “se queres dar caza ao cervo debes permitirme poñerche este ferro entre os dentes para poderte guiar mellor e poñerche esta cadeira para poder cabalgar estable mentras perseguimos ao teu inimigo”. O cabalo accedeu ás condicións e o cazador dispúxose a enselalo e embridalo. Coa axuda do cazador o cabalo non tardou en vencer ao cervo. Entón díxolle ao cazador: “Agora baixa e quítame eses ferros do fuciño e das costas”. “Non tan rápido, amigo, respondeulle o cazador. Agora téñote agarrado pola brida e polas espuelas e prefiro quedarme contigo como agasallo”
Páseno ben. Resistan a pandemia porque a vida son dous dias. Vívamos a tope.