Ponteareas | “Por un Centro Cívico para a xente, a mocidade e as asociacións” será o lema da concentración convocada para o vindeiro sábado 26 ás 12:00, na Praza Maior de Ponteareas, polo Ateneo Amado Garra.
O colectivo ponteareán ven de iniciar unha campaña de información que comezará mañá co reparto de centos de folletos e cartelaría na vila nos que ademais de chamar á veciñanza a defender o Centro Cívico, se explica de forma sinxela e directa para qué se creou este equipamento, canto se investíu nel, cal é o seu destino conforme ao proxecto e a quen ten que beneficiar. Ao mesmo tempo, o Ateneo informa sobre as pretensións do goberno municipal de cambiar o seu destino, beneficiando a uns poucos en detrimento de toda a veciñanza e, en particular, da mocidade e das asociacións.
Dentro desa campaña informativa, o Ateneo tiña convocado un acto informativo o vindeiro luns 21. Porén, o acto tivo que ser cancelado ante a negativa do Concello de Ponteareas a autorizar o uso un local para a súa celebración. O Ateneo solicitou o día 11, dez días antes, o propio Centro Cívico, no seu defecto a Sala Multiúsos do Auditorio e, no seu defecto, o Salón de Plenos. O Concello non deu resposta até hoxe día 18, limitándose a sinalar que a Sala Multiúsos non está dispoñíbel, sen explicar o motivo, e sen mencionar nin o Centro Cívico nin o Salón de Plenos.
O Presidente do Ateneo, Roberto Mera, lamentou o comportamento do Goberno Municipal “vulnerando na práctica o noso dereito fundamental de reunión, denegando arbitrariamente locais públicos municipais e non ofrecendo ningún outro espazo alternativo. O Gobeno Local manexa os locais que son de todos como se foran da súa propiedade privada e coa intención de silenciar ao Ateneo por cuestionar as decisións do equipo de goberno respecto ao Centro Cívico”.
O Ateneo ven desenvolvendo unha campaña dende hai varios meses na que se reivindica que o Centro Cívico, un edificio de 900 m2 adquirido e rehabilitado na Praza Maior por 1.200.00 euros sexa a Casa Cultural ou Centro Sociocultural do centro urbano tal e como estaba previsto no proxecto, beneficiando a toda a xente de Ponteareas. Roberto Mera lembrou que “o Goberno Municipal decidíu unilateralmente convertelo nunha especie de hostal, denominado Residencia de Artistas, con habitacións, cociña e comedor, para unhas 10 persoas”.
O Ateneo reivindica que “Ponteareas necesista un Centro Cívico para todas as persoas” e chama á cidadanía a defender o Centro Cívico participando na concentración.