Por unha Primavera Cívica Galega.

Para poñer en evidencia a/os dona/os do noso país.  Un partido político como o PP, que arruína Galiza e que a entrega en bandexa de prata ao centralismo madrileño, debería desaparecer do mapa galego ou ser residual; pois a Galiza apenas lle aportan nada positivo.

Porén as protestas non deben ir só contra eles, senón tamén contra quen maltrata Galiza desde Madrid, contra quen incumpre os acordos políticos, contra quen ningunea o Parlamento galego, contra quen bloquea o traspaso das competencias pendentes, contra quen espolia os nosos recursos e destrúe o noso porvir e o noso patrimonio, contra quen ataca o noso autogoberno e as normas xurídicas tradicionais galegas, contra quen perxudica a nosa industria conserveira con normas lesivas, contra quen propicia a sobreexplotación eólica do noso territorio de xeito non sustentábel e en beneficio de intereses foráneos,…

“Por todo isto aconsello romper con España na medida das nosas posibilidades: sentimental, política e, se se pode, incluso laboralmente”

Por todo isto aconsello romper con España na medida das nosas posibilidades: sentimental, política e, se se pode, incluso laboralmente. Non creo na falsa fraternidade que ofrece o españolismo, porque esta se constrúe sobre o seu supremacismo e pactando co fascismo. A/os nosa/os devanceira/os sementaron e nós recollemos o que eles sementaron e tamén sementamos o que recollerán as seguintes xeracións.

Defendín o entendemento coa esquerda española, porén desde a nosa identidade galega, non renunciando a ela. De igual a igual e non como apéndice susceptíbel de ser silenciado. Galiza ten un problema con España, porque España concibe as relacións entre os pobos como relacións de dominio e sumisión. Non hai lugar para e fraternidade porque non aceptan a nosa identidade GALEGA e intentan asimilarnos, atacando a supervivencia do noso idioma e da nosa cultura e negándonos a nosa condición nacional, o dereito de autodeterminación e o dereito á nosa soberanía como país.

“Galiza ten un problema con España, porque España concibe as relacións entre os pobos como relacións de dominio e sumisión. Non hai lugar para e fraternidade porque non aceptan a nosa identidade GALEGA e intentan asimilarnos”

Necesitamos por todo iso unha primavera cívica na rúa, nas urnas e nas institucións.  Unha primavera, en fin, que faga realidade unha parte dos nosos soños de xustiza e de benestar colectivo para o noso maltratado país galego.

MARTIÑO PENA LOUREIRO

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.