O Porriño | A Concellería de Cultura do Concello do Porriño presentou hoxe a final do concurso “Batalla de Debuxantes IMPROVISDADO” que terá lugar o vindeiro sábado 19, ao abeiro da programación das Festas do Cristo 2020. A partir das 17 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello.
Chegan a esta fase final seis artistas que resultaron elixidos entre os que se presentaron na primeira fase da convocatoria. Un deles procede de Ibiza e os restantes de diferentes puntos de Galicia entre os que hai unha ilustradora, un arquitecto ou un especialista en graffiti.
Os finalistas terán 90 minutos para realizar o seu traballo artístico de temática libre sobre un soporte ríxido que pode ser unha parede, unha peza de mobiliario ou outro tipo de obxectos. Terán liberdade para utilizar o utensilio de pintura que desexen pero a obriga de que sexa coa técnica de man alzada e tan só cor negra.
O gañador que determine o xurado integrado por profesionais relacionados co debuxo, acadará un trofeo orixinal e un premio en metálico de 200 €. O segundo premio está dotado con 150€ e o terceiro con 100€.
Este certame é unha novidade na programación cultural do Porriño está organizado pola Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) e producido por “Vella Escola”. “Constitúe unha primicia a nivel mundial xa que é a primeira vez que se fai este tipo de certame e se fai no Porriño”, reivindicou a concelleira de Cultura, Camila Moreira.
Do mesmo xeito, a Pablo Castiñeira, en representación de “Vella Escola” agradeceu á concelleira e ao Concello “por esta oportunidade para traer novos proxectos e formatos, sempre é de agradecer que haxa administración sensibles a novas propostas”, manifestou.