O Porriño asume o pago das obras de retirada do Lindano malia ser competencia exclusiva da Xunta

lindano

O Porriño | A Consellería de Medio Ambiente, coa financiación do Concello do Porriño, que asume o pago dos 12.000€ do custo de realizar estas obras, vén de iniciar este martes, día 23 de xaneiro, a investigación polo miúdo dos tres camiños do Contrasto “onde hai evidencias da presenza de refugallos de lindano soterrados”, segundo informou ao Concello a subdirección xeral de Avaliación Ambiental.

O pasado venres, día 19, os técnicos da Xunta xa fixeron un recoñecemento do terreo e sinalaron os puntos nos que realizarán as gabias. Os traballos, como sinalaron as técnicas da empresa APP Plus, contratada pola consellería, consistirán na apertura destes foxos na estrada, para confirmar a existencia do residuo, realizar medicións, tomar mostras e facer análises de cara a ter todos os datos precisos para elaborar o proxecto de recuperación do lugar.

Cunha pa escavadora fixéronse os primeiros cortes no asfalto, abrindo un foxo no cal as especialistas recolleron mostras de pedra e area antes de tapar o oco. Os foxos pecharanse cada día, sinala Medio Ambiente, deixando sempre un nivel de pedrullo limpo na superficie, antes do asfaltado completo final.
A previsión é a de facer entre 25 e 30 catas no prazo dunha semana, estudar se hai residuos de isómeros Alfa e Beta do lindano, tomar medidas de espesor e profunidade das escavacións e calcular a cantidade de refugallos que hai de cara á súa retirada.

Estes traballos, coma todos os que se fixeron durante os últimos meses no Contrasto, ata hoxe, coma o asfaltado a retirada de terra, o subministro de auga, os motores que permiten que a mesma chegue ás casas ou a limpeza, que superan en total os 152.000€ foron asumidos, na súa totalidade, polo Concello do Porriño, maila a que a competencia nesta materia é exclusiva da Xunta de Galicia.