O fracaso da coalición de goberno liderada polo socialista António Costa de levar adiante este 27 de outubro a aprobación dos Orzamentos do Estado 2022 está tensando a consistencia da coalición gobernamental de esquerdas conformada polo Partido Socialista (PS), o Bloco de Esquerdas (BE) e o Partido Comunista de Portugal (PCP), preparando así o terreo para unha eventual nova convocatoria electoral en Portugal.
A decisión de disolución do Parlamento e da nova convocatoria de eleccións xerais queda agora en mans do Presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa. En mente está celebrar estes comicios a mediados de xaneiro de 2022 ou, a máis tardar, en maio de 2022.
Ante a actual crise política e a posibilidade de ruptura de facto da coalición gobernamental, os medios portugueses reflicten esta sensación como unha especie de inevitabilidade á hora de realizar esta nova convocatoria electoral como mecanismo de solución da crise política, toda vez aínda están moi recentes as elección autárquicas celebradas o pasado 26 de setembro.
Neste sentido, o diario Público reproduciu este 29 de outubro as declaracións do secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, culpando ao PS de António Costa sobre o fracaso da aprobación do Orzamento de Estado 2022 (OE2022) por “quer uma maioria absoluta”, sen contar cos seus socios gobernamentais. Toda vez, de Sousa saiu ao paso da “estratégia de António Costa de se vitimizar por causa do chumbo do OE2022”.
Ese mesmo xornal publicou tamén unha reveladora análise da súa columnista Susana Peralta na que consideraba o fracaso da aprobación da OE2022 cun matiz garcíamarquiano: “Crónica de uma morte adiada”. Incluso realizou unha comparativa coa situación política española: “Ninguém quer a situação da vizinha Espanha pré-covid, com quatro eleições em quatro anos”.
O semanario de análise e información Visão enfocouse nas consecuencias económicas da posible convocatoria electoral, dando a entender que desde o propio goberno estase manexando este escenario como unha especie de necesidade política e institucional.
Así, Visão suscribiu as declaracións do ministro de Economía, Pedro Siza Vieira: “Nós precisamos de eleições, se for essa a decisão do senhor Presidente da República, o mais rapidamente possível. Isto permitirá também superar esta incerteza que, obviamente, é um impacto negativo sobre a economia”.
Pola súa banda, Jornal de Notícias ve mais nítido o horizonte electoral ao titular “Orçamento do Estado chumbado, país vai a eleições”, toda vez explica “as sete leis que o Governo quer acelerar antes da dissolução do Parlamento” e cales son as facultades do goberno e da Presidencia da República para convocar esta nova cita electoral.
En Diário de Notícias se reproducen as declaracións do ministro de Estado e dos Negócios Estrangeiros, Augusto Santos Silva, quen responsabilizou do fracaso na aprobación do OE2022 a “aqueles que ‘atiraram pedras’ convencidos de que não iam partir os vidros”, en clara alusión ao BE e o PCP.
O xornal O Minho informa dos pasos que a oposición de dereitas do PSD e o CDS-PP está levando a cabo ante a actual crise política e a posibilidade de adianto electoral. Informa así das negociacións que en Aveiro están levando a cabo os seus respectivos presidentes de toldas políticas, sendo estes Rui Rio (PSD) e Francisco Rodrigues dos Santos (CDS-PP) para “discutir a atual situação política, na sequência do chumbo do Orçamento do Estado”.
Por outra banda, o semanario Expresso tamén analiza o contexto político, considerando que “Não vamos ter eleições, vamos ter um referendo a António Costa”. Toda vez consideran que a popularidade de Costa é sólida (44%), “a mais elevada taxa de popularidade da Europa”, ao que contribúe tamén que “a única sorte que António Costa tem é que a direita não tem líderes”.