Ponteareas | O Partido Popular da comarca do Condado e da Paradanta comeza a campaña electoral para impulsar a Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia cunha pegada virtual de carteis na sede do partido en Ponteareas.
A este acto inicial acudiron os alcaldes de Ponteareas, Covelo, As Neves e Arbo, Nava Castro, Pablo Castillo, Jose Manuel Alfonso e Horacio Gil, respectivamente, así como os líderes do partido en Mondariz, Mondariz-Balneario e A Cañiza, Pablo Barcia, Marisa Domínguez e Miguel Domínguez, respectivamente.
O obxectivo é arroupar ás dúas persoas que representan á comarca nas listas pola provincia ao Parlamento galego. Trátase de Raquel Plana, actual edil de Benestar Social e Sanidade no Concello de Ponteareas e de Ana Belén Rodríguez, concelleira de Turismo e Comercio no goberno municipal de As Neves. Ambas apuntaron que “é unha honra acompañar ao actual presidente da Xunta e candidato á reelección, Alfonso Rueda, nas listas da provincia” e indicaron que “traballaremos xuntos e xuntas para que a provincia continúe apostando polo crecemento e polo reforzo dos servizos públicos”.
Plana e Rodríguez puxeron como exemplo, entre outras cuestións, o convenio asinado para a construción do novo centro de saúde e o aumento do orzamento para financiar o labor dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais.
Indicaron que “a provincia rueda” cando a xestión está en mans do Partido Popular e subliñaron a importancia de que se continúe na senda do actual goberno galego para seguir protexendo os servizos públicos e impulsando iniciativas de carácter social e económico que sitúan á comunidade no camiño do crecemento.
Neste sentido, sinalaron que entre os seus obxectivos destaca a reclamación de que, por fin, se leve a cabo a construción dos enlaces da A52 en Ponteareas así como a incorporación e a saída no lugar de Lentille, en Covelo, que beneficiaría a cinco dos concellos da comarca como é o caso de Mondariz, Mondariz-Balenario, A Cañiza, As Neves e o propio municipio de Covelo.