Mos | Representantes do Partido Popular de Vigo, Mos e O Porriño reclamaron este xoves ao Goberno de Pedro Sánchez unha reforma inmediata e integral e un digno mantemento da autovía A-55, que volve presentar un estado moi deteriorado só un ano e medio despois dos últimos arranxos acometidos do seu firme.
A presidenta da xunta directa do PP de Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o voceiro do grupo municipal no Concello olívico, Miguel Martín; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; e o alcalde do Porriño, Alejando Lorenzo, coincidiron en denunciar desde Tameiga, á altura dun dos tramos de maior sinistralidade de España, o deterioro que arrastra esta vía que conecta a maior cidade do noroeste peninsular e as vilas da Louriña.
A solución pasa por un arranxo en profundidade da A-55, pero iso non resolve a perigosidade desta estrada, que acumula 9.000 accidentes de tráfico e 4.500 feridos en 30 anos. Así, o Partido Popular avoga por implantar a gratuidade da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño mentres non se constrúe a alternativa en túnel proposta polo Partido Popular en 2018, sendo Mariano Rajoy presidente do Goberno. Unha opción que vén de quedar conxelada pola renuncia de Pedro Sánchez a presentar Orzamentos Xerais do Estado en 2024 tras a convocatoria electoral en Cataluña. Cómpre recordar que o citado traxecto da AP-9 complétase no mesmo tempo que o da A-55, pero evitando as perigosas curvas de Tameiga.
Desde a propia autovía, Ana Ortiz criticou o “grave abandono” do Gobierno central cara a poboación da área metropolitana de Vigo, onde os vehículos que empregan esta vía de alta capacidade e a A-52, “corren un importante risco cada vez que teñen que cruzar as estradas dos nosos municipios”. Para a presidenta da xunta directiva do PP vigués, o “único responsable” desta situación é o Gobierno socialista, que ten en Abel Caballero o seu “principal cómplice”.
Ortiz esixiu ao rexedor olívico que reclame “con man firme os investimentos necesarios para a cidade”. “Non só boicotea os proxectos da Xunta en Vigo, senón que permite a discriminación do seu territorio por parte do Goberno central”, sinalou.
Pola súa banda, Luisa Sánchez fixo referencia á moción presentada esta mesma semana na Deputación provincial polo grupo de goberno insistindo na necesidade de actuar nos viarios de competencia estatal, que se atopan nun “evidente e lamentable estado de abandono”. Comprenden once estradas que suman 317,5 quilómetros. Con todo, a concelleira non se limitou as infraestruturas viarias pois, dixo, “son só un exemplo máis da longa lista de compromisos pendentes e incumprimentos do Goberno con Galicia, Pontevedra e Vigo”.
Acto seguido, preguntouse “onde está o fío directo coa Moncloa do que presume Abel Caballero, porque se facemos balance dos últimos cinco anos, lonxe de beneficiarnos claramente nos penalizou, coa complicidade do alcalde e o PSOE vigués”.
A maiores, Miguel Martín cualificou de “indigno” este acceso da cidade de Vigo, ao que “non sabemos se realmente lle podemos chamar autovía”. Por iso, demandou ao Ministerio de Transportes un “trato axeitado” para a cidade olívica, Mos e O Porriño. “Óscar Puente fala e tuitea moito, pero resolve máis ben pouco”, advertiu á vez que pediu deixar de lado os “parches” para acometer unha “reforma integral” dunha vía que foi incluída pola OCU na lista negra das estradas española. “Se esta autovía estivese en Cataluña, Sánchez xa tería solucionado o asunto”, sentenciou.
Do mesmo xeito, Nidia Arévalo preguntouse como unha autovía que vertebra unha área metropolitana como a de Vigo, e pola que pasan milleiros de condutores a diario, pode estar “nun estado tan lamentable”.
“Fochancas, falla de visibilidade, de iluminación e de sinalización. Esa é a realidade da A-55″
“Fochancas, falla de visibilidade, de iluminación e de sinalización. Esa é a realidade da A-55. Unha realidade da que somos testemuñas os mosenses todos os días”, explicou. Por iso reclamou un “digno mantemento” coa “necesaria partida económica” para que esta estrada, que “paradoxicamente” é das que máis recada en multas por radar, “sexa segura” e non “tercermundista como é actualmente”.
Finalmente, Alejandro Lorenzo cualificou de “inaceptable” esta “nova mostra de desprezo” cara a veciñanza do Porriño por parte do Goberno central, que é “perfectamente coñecedor de que este tramo adoece de graves problemas pola falta de mantemento”. “Esta autovía chega a concentrar máis de 65.000 vehículos ao día, sendo ademais a alternativa máis usada polo tráfico pesado que provén dos polígonos industriais en dirección á zona portuaria de Vigo e ao resto de Galicia. Por iso, o estado no que se atopa non só supón un risco para a seguridade da veciñanza, senón que illa e atenaza unha das principais zonas industriais da comunidade”, aseverou o rexedor, quen incidiu en esixir a “liberalización” da peaxe da AP-9 e a construción do “trazado alternativo”.