Ponteareas/PP | Despois das últimas manifestacións realizadas polo Sr. Represas na prensa, nas que acusa ao Partido Popular da desfeita herdada na xestión das augas residuais, dende o PP queremos sinalar que estas declaracións obedecen, unha vez máis, á estratexia que vén seguindo este goberno tripartito durante estes 21 meses de goberno, que non é outra que “seguir culpando” de todo ao anterior goberno do PP para escusarse así das súas responsabilidades e dos seus incumprimentos electorais.
Para o PP estamos ante un goberno que utiliza o “principio da transposición e da esaxeración” convertendo pequenas obras de simple mantemento ou reparación de roturas dalgún tramo das redes de saneamento municipal en supostas obras ou proxectos de grande importancia, culpando ao PP de falta de planificación urbanística e mantemento das redes de sumidoiros.
Para o portavoz do PP, Salvador González Solla, o Sr. Represas o que esta tentando facer non é máis que repetir e repetir as mesmas noticias na prensa de estas pequenas obras de reparación dalgún dos colectores de saneamento municipal para distraer aos cidadáns e así non ter que afrontar nin ter que falar das inexistentes obras de saneamento rural que tanto esixían daquela na oposición e cando a situación económica do Concello era bastante máis difícil.
Dende o PP, queremos dicirlle dunha vez ao Sr. Represas que xa está ben de tanto cinismo e demagoxia, e que de momento el non é quén para dar leccións de saneamento nin de xestión de augas residuais, xa que o primeiro que fixo cando chegou ao goberno foi anular o contrato existente de mantemento das redes de sumidoiros asinado polo ante anterior goberno do PP.
Tamén o Sr. Represas debería lembrar que as redes principais de saneamento do casco urbano de Ponteareas levan, algunha delas, máis de 30 ou 40 anos realizadas cos medios e materiais existentes daquela e por suposto planificadas naquel contexto.
Ademais, dicir que o anterior goberno do PP se a algo lle deu prioridade, e tendo en conta a difícil situación económica do Concello, foi ao saneamento.
Así, ante as renomeadas actuacións de reparación de colectores que menciona o Sr. Represas (Rúa Braña, Roxelio Groba , Lamazáns, e outros) que suman un importe total de 140.000 euros, dicir tan só que o goberno anterior do PP levou a cabo obras de reconstrución total dalgún colector principal como o de Covas, San Roque e o da Venda onde se investiu máis de 1.000.000 de euros, ao que hai que engadir o saneamento integral das parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso, distintas fases do saneamento de Canedo, Cachadas, Angoares, Bugarín, Prado, Padróns, Arcos, A Freixa II,… e as obras de separación das augas pluviais das fecais e reposición de colectores de distintas rúas e prazas principais da Vila. Obras todas elas que supuxeron unha inversión que superou os 10 millóns de euros.
Polo tanto, para o PP o Sr. Represas non ten de momento que dar leccións de saneamento nin de abastecemento de augas a ninguén, e menos ao anterior goberno do PP de Salvador González Solla.
Por último, recordarlle ao Sr. Represas que o mantemento e a reposición dos servizos básicos, como o saneamento e o abastecemento de augas, entre outros, son competencias propias do Concello, e polo tanto son as súas responsabilidades xa que agora están no goberno e non na oposición.
Para rematar, queremos pedirlle a este goberno tripartito, que se deixe xa de queixar e de mirar polo retrovisor, que continúen a gran labor realizada nos últimos 11 anos de goberno do PP neste asunto do saneamento, rematando os saneamentos xa iniciados nas parroquias de Bugarín, Prado, Padróns, Arcos,…
Para Solla, os feitos están aí e, agora, o que teñen que facer é, a lo menos, superalos, porque xa non valen desculpas con pequenas obras de reposicións e mantementos de tramos da rede, e porque ademais agora a grande diferenza cos tempos de atrás é que agora hai cartos, grazas ao remate do Plan de Saneamento-Económico 2014-2016 aprobado no seu día polo PP e co voto en contra do BNG e PSOE.