Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP esixe que se inclúa unha partida no orzamento municipal 2022 que inclúa o diñeiro comprometido coa Xunta de Galicia para levar a cabo a mellora da Estación de Autobuses de Ponteareas.
A administración autonómica reservou a partida comprometida e o Concello de Ponteareas ten que facer o mesmo, cumprir o seu compromiso para que se poida levar a termo esta reforma tan necesaria.
“O edificio está moi deteriorado, como moitos outros neste Concello porque os mantementos non son o punto forte deste Goberno bipartito. Temos a oportunidade de facer a reforma e non podemos perder o financiamento que puxo a Xunta de Galicia para este 2022 nin debemos perder a oportunidade de continuar utilizando ese edificio a nivel municipal os próximos 20 anos”, explicou Villar.
Os populares lamentan a actitude de Roberto Mera, que coa súa ansia de exercer de alcalde na sombra, está a tirar pola borda negociacións dos seus antecesores que desde logo exercían a política con maior talante e diálogo. “Mera non ten intención de que a Xunta de Galicia invista no noso pobo, por iso non ofrecen unha localización para o centro de Saúde nin tampouco acepta o convenio para a reforma da Estación de Autobuses, así pode seguir co seu discurso antixunta que é o único que lle preocupa”.