PP Ponteareas pedirá explicacións no pleno sobre a privatización de servizos municipais

O PP levará a Pleno esta moción para saber por que o Alcalde e o seu goberno están a privatizar gran parte dos servizos e obrigas municipais.

Ponteareas/PP | Desde o PP non entendemos este cambio de actitude dos grupos políticos que forman o actual goberno municipal, xa que cando estaban na oposición pedían e esixían a municipalización dos servizos e que co persoal existente se podía dar uns servizos de calidade aos cidadáns sen ter que contratar empresas e a técnicos externos, chegando a afirmar que a plantilla de persoal municipal estaba sobredimensionada. Agora no goberno fan todo o contrario do que tanto predicaban, privatizan unha gran parte dos servizos municipais, para o PP, esta forma de actuar está en consonancia coa falta de organización do persoal municipal encargado de levar a cabo os servizos e distintas tarefas que debe prestar o goberno local.

 

Así, nestes case dous anos do tripartito, o máis salientable da súa xestión é a súa nefasta e nula planificación. No que vai de lexislatura dedicáronse a contratar servizos externos para a elaboración de documentos de análises, estudos, plans de dinamización comercial, asesoramento xurídico-administrativo, mantemento eléctrico, desbroces, mantemento de colexios, limpeza, programación cultural, adxudicación dun novo contrato de guindastre, parques e, agora, o mantemento das estradas da rede viaria municipal, entre outros.

No que respecta ao servizo de limpeza e desbroce viario dos nosos barrios e parroquias, dicir no ano 2015 e no ano 2016 contaron con 84 e 54 traballadores procedentes dos distintos plans de emprego da Deputación e da Xunta, aínda así contrataron empresas de desbroces viarios para resolver a súa nula xestión do persoal de medio ambiente, malgastando fondos propios do concello, e o peor de todo, é que aínda tendo máis persoal, foron moitas as queixas que nos transmitiron os diferentes colectivos e particulares das nosas parroquias, porque deixaron, por vez primeira en moitos anos, moitas parroquias sen desbrozar. Pero para o PP o que resulta curioso de todo este asunto, xa non é que se desbrozara ou non, senón que este goberno cando estaban na oposición criticaban ata a saciedade a contratación de servizos externos e agora que están a gobernar fomentan a privatización dos servizos municipais.

Tamén resulta curioso que o Sr. Represas e a Sra. Garrote cando estaban na oposición levaron a pleno unha moción conxunta (pleno 20/11/2012) coa que deixaron ao anterior goberno do PP con 4 dedicacións, xustificándose en que eran máis que suficientes para xestionar un concello como Ponteareas que tiña moitos servizos externalizados (auga, lixo, piscina, recadación de taxas…). E agora, sen máis, este goberno que presume de esquerdas, chegaron ao goberno e incrementaron a 6 dedicacións, ao que hai que sumarlle as retribucións por asistencias do Sr. Alcalde, se isto non fora pouco, seguen a contratar servizos e estudos innecesarios, sen ningún tipo de control, descartando a remunicipalización que tanto defendían daquela e incrementando a externalización de máis e máis servizos públicos a costa de eliminar prazas vacantes de persoal.

Dicir que tampouco entendemos por que este goberno, nestes case dous anos, se dedicou a contratar servizos e traballos con distintas empresas, cando daquela na oposición, ademais de criticar esta cuestión, “propoñían unha moción” presentada no pleno de xuño de 2012, na que solicitaban como medidas a incluír no “Plan de Axuste”, a redución de 35 postos de traballo, baseándose en que o custo de persoal era desproporcionado (aforro de 1.000.000 de euros), así como tamén propoñían que se anularan todos os contratos externos (aforro 60.000 euros), xustificándoo en que o Concello tiña xa persoal suficiente para realizar todos e cada un de estes traballos, defendendo a municipalización de todos os servizos externalizados.

Por todo isto, o Partido Popular preguntará en Pleno ó Alcalde por que, no que vai de lexislatura, está a privatizar unha boa parte dos servizos que presta o Concello de Ponteareas, tamén queremos saber cales son e en que consisten todos e cada un dos contratos realizados coas distintas empresas contratadas dende o inicio desta lexislatura ata a data. Tamén queremos saber a canto ascende o facturado por cada unha das empresas contratadas dende o inicio desta lexislatura ata a data. Así mesmo, pediremos unha explicación razoada para saber cales son as razóns polas que este goberno mudou os seus principios e decidiu contratar a estas empresas cando, anos atrás, defendían a municipalización dos distintos servizos. Paralelo a isto, tamén pretendemos que nos respondan de por que todos estes traballos non foron realizados por persoal municipal, tal e como esixían e defendían cando estaban na oposición. Tamén pretendemos saber se teñen pensado seguir contratando estes servizos externos, ou outros. Ademais, necesitamos ter claro se foron razóns políticas ou familiares polas que se convidou e posteriormente se contratou á empresa GALIVALIA.