Ponteareas/PPdeG | No Pleno da semana pasada, o último celebrado no ano 2021, tratouse unha Moción presentada polo grupo municipal do PP que pedía ao Goberno bipartito a creación dunha Mesa de diálogo para decidir a mellor ubicación na que construir o novo Centro de Saúde que anunciou a Xunta de Galicia para a nosa Vila.
Todos os grupos apoiaron que se leve a cabo ese diálogo para buscar o mellor emprazamento para esta instalación sanitaria. Correspóndelle ao goberno local planificar un calendario de reunións, o máis áxil posible, para estudar a documentación que precisemos tendo en conta a disponibilidade de parcelas, que pola súa clasificación dentro do PXOM son viables para este tipo de construcción.
Canto antes avancemos na decisión, antes poderá o Bipartito de Ponteareas poñer a disposición da Xunta os terreos onde se ubique o novo Centro de Saúde, antes poderá a Xunta licitar os proxectos da obra e antes contaremos con esa nova instalación sanitaria.
Nestes momentos o Goberno local achegounos fichas e planos de catro ubicacións posibles. Unha opción sería en terreos na contorna do Centro de Saúde actual, no barrio das Cachadas por enriba do Regato da Venda; outra das ubicacións posibles é no Alto da Gloria, na carretera que vai As Neves a man dereita; un terceiro terreo sería na Carretera de Guillade, enfrente a Clínica San Miguel, e finalmente unha última opción que estaría nunha parte da parcela de Granitos, concretamente dentro do edificio de Aceros del Tea.
Polo tanto, con estos datos e outros que poidan xurdir, debemos entre todos buscar a mellor ubicación, na que se garantan as comodidades, a accesibilidade, o aparcamento, e outras cuestións que poidan ser interesantes.
E para que a Xunta constrúa un centro de saúde de 5.060 metros cadrados, con máis espazos para consultas de adultos e pediátricas, cun espazo para unha unidade de saúde mental, e con novas consultas e base para o 061, entre outras.