Ponteareas/PPdeG | O grupo municipal do PP solicitou unha reunión urxente coa conselleira de Política social, Fabiola García, ante a pasividade do goberno local, en liquidar as deficiencias existentes na Residencia de Maiores.
Á primeira hora desta mañá a portavoz local, Belén Villar, mantivo unha reunión coa conselleira, Fabiola García, para que estude se é posible que a administración autonómica interveña neste asunto e así liquidar o problema canto antes.
“Sabemos que é unha competencia do Concello pero ante a súa actitude de cruzarse de brazos decidimos intervir e solicitar axuda á Xunta para que reparen o ascensor” , explica a portavoz popular, Belén Villar.
Os populares consideran que os usuarios non poden estar sen ese servizo xa que lles está obrigando a permanecer nas súas habitacións, desde fai máis de tres semanas.
“Parece que o bipartito non lle preocupa en absoluto que os maiores desta residencia leven tanto tempo sen ascensor, sen mobilidade por tanto e sen poder moverse das súas habitacións”, afirmaron os populares.
Por outra banda, a popular abordou outras cuestións referentes á sanción imposta ao Goberno local debido á deterioración do edificio e que o Goberno local está a negarse a reparar. “Temos que buscar solucións, xa que o goberno local, responsable desta instalación, decidiu mirar cara a outro lado e non facer os mantementos que lle corresponden”, declarou Villar.