Ponteareas | O presidente do PP Provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López, contrapuxo, nun encontro en Ponteareas cos representantes populares das bisbarras do Condado e A Paradanta, a “forte aposta” do Partido Popular polos Servizos Sociais desde a Xunta de Galicia, cunha achega anual de 9,5 millóns de euros para estas atencións nestes nove concellos do sur da provincia, fronte á “pobreza social” na atención a maiores, dependentes e familias dos modelos que implantan PSOE e BNG nas administracións.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra centrou no contido social a súa reunión de traballo, na que tamén se abordaron cuestións vencelladas á campaña electoral, coa candidata ponteareana, Raquel Plana, os responsables locais, a anfitrioa Nava Castro, Horacio Gil, Pablo Castillo, Julio César García-Luengo, José Manuel Alfonso, Marta Valcárcea, Miguel Domínguez, Marisa Domínguez e Pablo Barcia, e os 56 concelleiros populares da bisbarra.
“Os cidadáns teñen que saber que o 18 de febreiro teñen que elixir entre dous modelos de atención social, o que desprega o PP consolidando e ampliando servizos e orzamentos, e o dunha maior precariedade e pobreza social de PSOE e BNG, que vemos perfectamente nestas comarcas, xa que as taxas máis baixas de cobertura do SAF e o maior abandono de quen máis o necesita prodúcese na Cañiza (24% e 62 persoas en lista de agarda), Mondariz (36%) ou Mondariz-Balneario (40%), mentres en Ponteareas e As Neves estase a remontar a malísima herdanza social deixada polo Bloque”, explicou Luis López, que alertou de que esta diminución no eido social pódese estender a toda Galicia se nacionalistas e socialistas están no Goberno galego “polo habitual desleixo e abandono que amosan con estes colectivos”.
O presidente provincial do PP, que anunciou que os populares seguirán incrementando estes investimentos sociais nos nove concellos do Condado e A Paradanta se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta de Galicia presentou un cadro informativo coas distintas partidas das liñas desta materia das que se benefician os municipios desta bisbarra.
Luis López detallou tamén que os novos Bonos Coidado, o de Fogar -cunha achega anual de 5.000 euros para persoas dependentes- e o de complemento de Residencia -cifrado en 1.200 euros-, xa están a beneficiar desde este mes de xaneiro a 857 veciños do Condado e A Paradanta, dos que 290 son de Ponteareas, 149 de Salvaterra, 162 de Covelo, 77 de Mondariz, 61 das Neves, 40 da Cañiza, 38 de Crecente, 37 de Arbo e 3 de Mondariz-Balneario. Ademais, a gratuidade nas escolas infantís permite financiar un total de 447 prazas nestes nove municipios do sur da provincia.
Así, o presidente provincial puxo en valor que as políticas sociais e os fortes investimentos nesta materia impulsados polo PP desde a Xunta “permiten atender do mellor xeito e coa máxima calidade aos máis de 1.600 veciños das comarcas que máis o necesitan, algo que é de xustiza para mellorar a súa calidade de vida”.
E ademais, engadíu que todo este investimento anual complétase cos 40.000 euros anuais para o funcionamento das dúas Casas do Maior de Arbo, os 618.000 da nova escola infantil de Ponteareas e os 184.000 para melloras de accesibilidade e transporte en Ponteareas, Covelo e Crecente.
“O 18 de febreiro temos que elixir entre dous modelos claros, porque o que é medible non é opinable, un de apoio decidido aos maiores, dependentes, cativos familias e persoas en risco de exclusión sostido polo PP grazas ás políticas lideradas por Alfonso Rueda e un de abandono e pobreza social protagonizado por PSOE e BNG”, concluíu López, no seu encontro cos representantes públicos do Condado e A Paradanta.