Tomiño/PPdeG | Os cortes de luz nas parroquias son cada vez máis frecuentes xa que o goberno do BNG tomou a decisión de aforrar cartos dándolle para abaixo o interruptor do alumeado público. Nestes momentos están alternando os cortes por zonas, de xeito que acenderán unha noite en Amorín, outra en Barrantes, outra en Goián…
A administración local debería ter a capacidade de previr situacións excepcionais mediante unha xestión prudente e sensata dos cartos dos veciños, pero en Tomiño non é así. Queren converter un ben de primeira necesidade como é a luz nun privilexio, e isto vai máis aló do custo actual da enerxía.
Malgastar os cartos sen sentido en obras inxustificadas ao longo dos anos de mandato ten consecuencias perniciosas e agora tócanos pagar o pato aos de sempre. O goberno local está a aproveitar a situación actual como escusa da súa incompetencia xestora durante os 15 anos de mandato e en 2023 terá consecuencias reflectidas nas urnas.
Desde que se impuxo esta medida xa aumentaron as denuncias por roubos e consta que están entrando en vivendas do barrio do Carregal de Arriba, na parroquia de Amorín.
Dende o Partido Popular instamos á alcaldesa Sandra González a reverter esta situación que cualificamos de insostible e tomaremos medidas legais se estas decisións seguen tendo prexuízos directos para os nosos veciños.