Tomiño/PPdeG | O Partido Popular de Tomiño vén de denunciar publicamente a existencia de importantes retrasos, que nalgúns casos alcanzan os catro anos, na concesión de licenzas urbanísticas por parte do Concello e compartiu o malestar de numerosos veciños por esta situación, que causa un importante freo ao desenvolvemento do municipio.
Ao respecto, a presidenta do PP local e tamén candidata á Alcaldía, Lara Meneses, desvelou que numerosos tomiñeses estanlles a achegar esta situación de atasco absoluto no departamento de Urbanismo municipal e calificouna de “moi preocupante”. Ademais, engadiu que este problema, que cada vez se agrava máis, ten como responsables á alcaldesa, Sandra González, e ao goberno local do BNG, “xa que non están a cumprir coas súas obrigas e non atenden axeitadamente, unha vez máis, as necesidades dos tomiñeses”.
“Hai unha enorme indignación e enfado entre os veciños co executivo nacionalista pola eternización dos seus trámites urbanísticos, xa que obter unha licenza para construír ou rehabilitar unha vivenda, abrir ou reformar un comercio ou emprende ou ampliar unha empresa convértese nunha auténtica odisea”, lamentou Meneses, que quere saber cales son os motivos deste estancamento administrativo, aínda que todo apunta a unha mestura entre a falta de persoal e a propia desidia do goberno local.
“Estamos ante un executivo acomodado e desgastado, que cre que está todo feito en Tomiño cando aínda hai moito por facer, e máis nun mundo en constante evolución. A situación é insostible e a alcaldesa e o BNG xa se converteron nun lastre para o noso concello, que non dá resposta ás necesidades dos veciños, cuns servizos municipais deficientes e en clara regresión, e que ademais deixa pasar todas as oportunidades de progreso”, criticou a presidenta do PP local.
Meneses anunciou que, se obteñen o respaldo dos cidadáns, ten previsto facer un estudo de funcionamento do departamento de Urbanismo e o seu posterior reforzo “para que obter un permiso para vivir, traballar ou emprender en Tomiño sexa un proceso áxil”.
Non sabemos se hai algo que estea a funcionar ben no Concello”, manifestou Meneses, que ironizou con que “supoño que por algunha razón destas que ninguén entende, a alcaldesa botaralle a culpa á Xunta, porque escapa das súas competencias e responsabilidades, posto que para ela só lle pertence o que funciona ben, que lamentablemente en Tomiño xa non é case nada, e fuxe e pon escusas para escapar do derrubamento dos servizos municipais de Tomiño”.