Tomiño | O grupo municipal do PP de Tomiño vén de pedirlle ao goberno local que “deixe de perder o tempo” e traballe con seriedade e con interese real para axilizar a tramitación e a consecución de financiamento para o desenvolvemento do polígono agroindustrial de Figueiró.
Os populares, a través da súa voceira municipal, Lara Meneses, amosaron o seu asombro ante a reunión para abordar este proxecto mantida pola alcaldesa, Sandra Álvarez, coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “cando este departamento da Xunta non ten competencias para o desenvolvemento de solo industrial máis alá dos preceptivos informes e autorizacións de estradas e Augas de Galicia”.
A concelleira popular instoulle a negociar coas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Economía, Industria e Innovación; e, dado o carácter agrario desta iniciativa, con Medio Rural, “que son os organismos responsables e dos que ten obter o financiamento e todas as cuestións burocráticas necesarias”.
“Dá a impresión de que a rexedora buscaba unha foto para transmitir a imaxe de que traballa neste asunto, porque comeza a estar preocupada, pero segue sen poñerse en serio para acadar avances reais, porque non é a primeira vez que lle plantexa esta cuestión a Infraestruturas e xa coñece que non desenvolve os viais dos polígonos, e ademais, tras 16 anos no cargo, é algo que xa debe coñecer de sobra porque non é ningunha novata”, sinalou Lara Meneses.
A voceira municipal apuntou que a creación deste polígono agroindustrial “é un proxecto máis que necesario e considerámolo de todo o pobo de Tomiño, xa que trascende ás cores políticas” e lembrou que, por este motivo, todos os grupos municipais respaldaron a súa posta en marcha no pleno da corporación.
Por elo, recalcou que agora a responsabilidade absoluta, tras recibir o respaldo da oposición, correspóndelle ao executivo nacionalista, “que debe demostrar a súa capacidade de xestión, malia que temos moitas dúbidas sobre a mesma, e o seu interese real neste polígono”. “Teñen que deixar os fogos de artificio e as perdas de tempo e avanzar no proxecto con quen ten que facelo, porque a alcaldesa está desesperada por anunciar o inicio das obras, que é algo que desexamos todos, pero está petando nas portas equivocadas, non sabemos se de xeito neglixente ou por outras cuestións que descoñecemos”, concluíu a voceira popular.