Tomiño/PPdeG | O grupo municipal do PP de Tomiño vén de solicitar públicamente, a través dunha moción para o seu debate plenario, a posta en marcha dun plan municipal de medidas, eventos e actos de promoción do comercio local para favorecer o impulso da súa actividade e a súa xeración de riqueza e emprego.
Os populares reclaman que o Concello estableza canles de diálogo inmediatos, permanentes e periódicos cos comerciantes para coñecer as súas necesidades e que organice unha programación cultural, musical, lúdica e social ampla en Tomiño “e non na outra ribeira do Miño” para favorecer a este sector “como piar económico fundamental do municipio”.
Así mesmo, tamén lle piden ao goberno local que se comprometa a destinar unha partida orzamentaria para promoción e a realización de campañas periódicas durante todo o ano para colaborar co comercio de proximidade e que, neste marco e atendendo ás peticións dos comerciantes, deseñe diversas actividades para o vindeiro Nadal co obxectivo de fomentar as compras en Tomiño.
“Non podemos permitirnos que o comercio do noso concello siga perdendo forza e sufrindo peches e temos que ser proactivos para atraer xente a Tomiño e para que os propios veciños fagan aquí as súas compras, polo que cremos que chegou o momento de que o Concello se implique en axudar a este sector fundamental”, explicou a voceira, Lara Meneses.
Meneses fixo un amplo percorrido polos establecementos da localidade xunto con outros membros do grupo municipal para coñecer a súa situación e as súas necesidades para conseguir a súa reactivación.
A concelleira explicou que este sector “vese afectado indubidablemente polo auxe das grandes superficies e a globalización”, pero tamén bota en falla máis apoio por parte do Concello, “que debe posicionarse clara e activamente a favor dun ámbito que non nos podemos permitir perder porque dá valor ás nosas rúas e xera emprego e riqueza”.
Para a voceira popular, tras recabar a opinión e o sentir dos comerciantes, o sector “atópase afogado ante un Tomiño que cada día se atopa máis baleiro e que ten atisbos de empeorar coa chegada do inverno, coas dificultades de aparcamento e a inexistencia de actividades e dunha axeitada dinámica sociocultural”.
Por elo, e no marco dos catro acordos citados, Meneses solicita unha maior implicación ao Concello a través de distintas campañas, entre as que figuran actividades lúdicas para menos nas diferentes zonas do centro, iniciativas diferenciadores, como concertos, mostras gastronómicas ou a noite do comercio, a habilitación de incentivos concretos para atraer a xente doutros municipios, a realización de eventos de promoción do comercio e a hostalería ou o establecemento de bonos, descontos ou incentivos para consumir no comercio local.