Tui/PPdeG | O grupo municipal do PP vén de propoñer a inclusión do Concello de Tui na iniciativa “Concellos Emprendedores” da Xunta de Galicia para favorecer o asentamento de empresas e autónomos a través de incentivos e rebaixas fiscais e outras medidas de colaboración nos eidos burocrático e de emprazamento físico.
Os populares van presentar unha moción ante o pleno da corporación na que solicitan o inicio do procedemento para que Tui sexa “Concello Emprendedor” desde o vindeiro ano 2024 e se favoreza a creación de riqueza e emprego no municipio. “Cremos que esta acción repercutirá moi positivamente no tecido socieconómico de Tui, favorecendo a chegada e asentamento de empresas e autónomos ou a ampliación de proxectos existentes, potenciando a creación de riqueza e emprego e corrixindo a redución paulatina que estamos a vivir cada ano na creación de novas empresas, que caeu un 33% nos últimos exercicios”, explicou o voceiro municipal, Nico Montes.
Neste senso, o concelleiro popular revelou que no ano 2021 creáronse 25 empresas no municipio, o pasado 2022 a cifra situouse en 26 novas firmas e nos oito primeiros meses deste 2023 van unhas 18, “polo que aínda nos atopamos moi lonxe das 39 empresas creadas en 2016 e a mesma cifra no 2017, polo que creo que necesitamos un revulsivo e reactivarnos en materia empresarial, industrial e económica para contribuír ao progreso de Tui”.
O PP tudense propón o inicio inmediato dos trámites e a modificación das ordenanzas fiscais correspondentes –xa que a adhesión a “Concellos Emprendedores” esixe que haxa incentivos nesta materia para empresas– para que a Comisión Técnica de Seguimento desta iniciativa poida valorar, e aprobar se procede, a proposta de Tui no segundo semestre de 2024.
Os populares, que lembran que xa hai 24 “Concellos Emprendedores” na provincia e que O Porriño está a piques de adquirir esta condición, sinalaron que Tui deberá adoptar diversas medidas que favorezan a chegada ou crecemento de empresas, como a referida aprobación de incentivos fiscais con rebaixas de ata o 95% no IBI, o IAE e o ICIO para os novos proxectos de asentamento ou de ampliación; a simplificación administrativa coa concesión da licenza de obra en menos de 30 días; ou o outorgamento de facilidades para o acceso ao solo empresarial.
As ordenanzas fiscais deberán contemplar sempre que a porcentaxe da cota a bonificar dependerá dos novos postos de traballo creados, podendo chegar a un mínimo do 80% se fosen creados e mantidos durante tres exercicios más de 20 postos de traballo.
A Xunta de Galicia estable unha discriminación positiva nas ordes de axudas, que se convocan en réxime de concorrencia competitiva a favor dos concellos emprendedores, nas axudas dirixidas aos mesmos e destinadas a investimentos e gastos que teñan relación coas finalidades da iniciativa e tamén a favor das empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro, nas axudas destinadas á implantación e ao funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia, cuxos proxectos se desenvolvan nun concello emprendedor.
“Estamos completamente en consonancia con esta medida, na que apoiaremos sempre ao goberno local, xa que cremos que favorece moito a Tui en termos xerais, pero tamén ás empresas e autónomos, que terán deste xeito un respaldo directo do seu Concello e tamén da Xunta nas distintas ordes autonómicas de axudas, e á propia administración local, que se verá discriminada positivamente polo Goberno galego nas distintas liñas e programas de concorrencia competitiva”, concluíu o voceiro municipal do PP.