Santiago de Compostela/PSdeG | O PP vén de vetar a iniciativa socialista para evitar o peche da aula de primaria da Escola Infantil de Verducido. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Educación do Parlamento logo de votar en contra dunha proposición non de lei do PSdeG para manter aberta a aula e buscar alternativas que non prexudiquen a calidade de atención do ensino público no rural.
“Hai uns días falabamos do peche da escola de Baamonde, en Lugo, e de seguir así, non necesito ser pitonisa para augurar que, antes de que acabe este mandato, estaremos a falar do peche da Escola Infantil de Verducido”, sinalou a deputada socialista Paloma Castro.
Castro criticou que a Consellería de Educación pechou no curso pasado unha das aulas de Infantil e, neste curso, suprimiu a unidade de Primaria, o que derivou na denuncia dos pais e nais. Tras isto, lembrou, os pais e nais das familias recorreron a decisión ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, en novembro, resolveu o seu favor.
Malia o pronunciamento xudicial, “a Xunta deu un paso máis e comunicou o pasado mes de febreiro que esta aula xa non abrirá para o curso 2021-2022, instando ás familias a que matriculen aos seus fillos e fillas no centro máis próximo”, co que ratificaban que o próximo curso manterán a aula pechada.
“Esta decisión é moi prexudicial para a parroquia e a Xunta debe reconsiderala e manter aberta a aula como vén facendo dende hai 60 anos”, aseverou a socialista, quen lembrou que esta escola ten un proxecto educativo “pioneiro no noso país”, “diverso” e “innovador” que fixo que a escola puidese mesmo levar a coordinación de proxectos internacionais.
A “política de despoboamento do rural” da Xunta de Feijóo
“Á Xunta éncheselle a boca falando dunha nova lei de impulso demográfico baleira de contido e Feijóo volve falar agora da lexislatura do rural e presume dun incremento orzamentario destinado a repoboar o rural; pero a realidade é que, en Galicia, miremos na dirección que miremos, atoparémonos coas queixas veciñais polos peches de escolas ou de servizos sanitarios no rural”, sentenciou a vicevoceira socialista.
Así, preguntouse “se a intención da Xunta é o repoboamento do rural ou o despoboamento do mesmo” cando “a actitude da Consellería de Educación con estas familias e os nenos e nenas de Verducido é unha vergoña”.
“Non merecen ese trato, non merecen que aos seus fillos e fillas se lles vulnere o dereito constitucional a un ensino público e de calidade, así como o dereito á igualdade de oportunidades, independente de onde vivan”, sinalou.
Por último, Castro defendeu as escolas rurais con menos alumnado, xa que “está comprobado que isto aumenta a calidade da ensinanza e que dinamizan os territorios nos que se atopan”. Ademais, lembrou que o Consello Escolar do Estado no ano 2019 emitiu un informe loando ás escolas rurais agrupadas polo seu “alumnado máis respectuoso” e “cunha mellor conducta social e afectiva”, co que recomendaba que estas escolas se mantivesen abertas cun mínimo de 4 alumnos.