Pontevedra/PPdeG | O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o PP é o motor posible e real para o cambio que necesita a provincia de Pontevedra. Nese senso e ante o reto que supoñen as próximas eleccións municipais, indicou que a formación ten que poñer a punto equipos e propostas nos vindeiros meses para estar á altura dos veciños, tanto nos concellos nos que goberna como, sobre todo, nos que é oposición.
Na clausura do Conclave provincial do PP pontevedrés, Feijóo puxo de manifesto o compromiso do seu partido cos empregados e familias que dependen de ENCE, o maior motor industrial, económico e de emprego da cidade e da comarca de Pontevedra; e lamentou a evitable crise que o Goberno central provocou á industria e que ameaza a miles de postos de traballo en toda a Comunidade.
De feito, lembrou que esta semana estivo reunido con dúas vicepresidentas do Goberno de España (Nadia Calviño e Yolanda Díaz) para pedirlles sensibilidade ante ese emprego comprometido polas decisións do propio Executivo.
Sobre isto, resaltou que os populares están abertos a cooperar para solucionar un problema do que non son responsables e a explorar todas as posibilidades, o que sexa necesario para seguir ao carón dos traballadores e do sector industrial.
No seu discurso, tamén afirmou que Vigo necesita un cambio, un proxecto ilusionante como o do PP, e un equipo para poñelo en marcha.
“Vigo necesita un cambio, un proxecto ilusionante como o do PP”
Ao respecto, recalcou que a maior cidade da Autonomía non debe ser líder en titulares pintorescos, confrontación e mofas televisivas, senón en actividade industrial, en innovación, en creación de emprego de calidade e en cooperación institucional ao servizo das empresas e dos vigueses.
Segundo subliñou, os populares nunca dirán “Vigo son eu” -como fixo Abel Caballero- porque o que queren é que “Vigo sexa Vigo”, un concello que non necesita tapar os erros do seu alcalde con estridencias nin inimigos externos.
O modelo do PPdeG é Galicia
Así mesmo, o presidente aseverou que o modelo da súa organización é Galicia, caracterizada pola política tranquila, as reformas, a estabilidade e o crecemento. Por iso, insistiu na importancia de que ese exemplo se traduza nun Vigo máis libre e máis líder e nunha Pontevedra máis próspera e con máis oportunidades: “Nunha provincia ao servizo dos concellos e dos cidadáns, non dos egos dos seus políticos e dos seus intereses partidistas e familiares”.
Do mesmo xeito, aclarou que a forma de facer política do PPdeG nunca será poñer as institucións e o partido ao servizo dos intereses de Sánchez ou traer a Junqueras, a Rufián e a Otegi á Comunidade para expresar que Galicia ten que ser como din os independentistas vascos e cataláns.
Congresos centrados nas ideas
Durante a celebración do Congreso, Feijóo puxo en valor a forma de entender a política do presidente electo do PP da provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda, destacando que este ten moi claro que as persoas non están por riba dos proxectos.
Ademais, apuntou que un conclave non só é unha oportunidade para reencontrarse cos compañeiros senón para pisar o terreo, estar con máis xente, coñecer os problemas de primeira man e recoller as propostas de todo o mundo.
Igualmente, engadiu que os congresos do PP son útiles porque se centran nas ideas e serven para unir e abrir o partido, todo o contrario dos do PSOE e do BNG, nos que só falan de liortas internas, de familias e de persoas. “Para despedazarse e poñerse zancadillas”, engadiu.
Lembrou tamén ao novo equipo que o honor de hoxe é a responsabilidade de mañá, e asegurou que as eleccións municipais empezan hoxe para o partido na cidade.
“Proxectos ilusionantes” para Lugo
Por outra banda, Núñez Feijóo tamén pediu a Elena Candia “proxectos ilusionantes” para os 67 concellos que conforman a súa provincia. Así se pronunciaba logo de que a candidata fose proclamada presidenta do PP de Lugo no Congreso provincial.
Tras destacar a experiencia en xestión e na oposición de Candia, que coñece á perfección a súa provincia; remarcou que Lugo merece un cambio que a cidadanía expresou de maneira clara e contundente.
Nese senso, recordou que, no caso da cidade, o PP quedou a un concelleiro de conseguir unha maioría para gobernar; mentres, na Deputación, quedaron a 194 votos de lograr o deputado que lles faltaba para a maioría absoluta.
Como aseverou, isto non pode volver suceder e, para conseguilo, animou aos populares a chegar a cada lugar co único obxectivo de servir aos lucenses, salientando que cada voto pode ser decisivo.
“Lugo necesita gobernos que só lle pode dar o PP”
“Lugo necesita gobernos que só lle pode dar o PP”, subliñou engadindo que, fronte ás coalicións de minorías como as que agora “desgobernan”, é preciso un executivo de maiorías no que os seus membros non se fagan oposición entre eles e que crea na potencialidade da urbe das murallas.
Na súa intervención, Feijóo recordou que os populares levan anos advertindo que o prezo da enerxía se ía converter nun grave problema que, ademais, afecta especialmente á provincia de Lugo e á comarca da Mariña, na que se atopa Alcoa.
Sobre isto, recoñeceu que, aínda que desexa que o Goberno acerte coas medidas para abaratar a enerxía, considera que as que está tomando parecen un parche que non resolve a cuestión e só serve para dar “unha patada para adiante” ao problema e facer pagar dentro duns meses a suba que non paguemos agora.
Ante esta situación, resaltou que Galicia aposta por seguir sendo unha das Comunidades que máis apoia aos consumidores vulnerables, mencionando a ampliación do Bono Eléctrico, do que xa se beneficiaron 4.500 fogares.
Ademais, contrapuxo a actitude dos populares, que traballan para resolver os problemas dos cidadáns e do país, axudando sempre aos que máis o necesitan; coa do resto de formacións.
Ao respecto, lembrou que, cando a luz subía un 8% co PP no Goberno, a esquerda pedía dimisións e falaba de pobreza enerxética; sen embargo, agora que aumenta un 200%, din que nin é culpa do Executivo central nin a pobreza enerxética é un problema.
Unha política útil
Durante o seu discurso na clausura do conclave, o presidente defendeu a política útil, esa que busca cambiar a vida da xente sempre para mellor é a que se preocupa do importante.
Por iso, criticou que o Goberno ignorase a petición da Xunta na que solicitaba adaptar o reparto de vacinas ás circunstancias de cada Comunidade, de modo que, se había algunhas onde non se estaban gastando, estas se repartiran entre os territorios onde aínda hai xente acudindo aos centros de vacinación, como Galicia. Feijóo lamentou que a consecuencia desta negativa provocase que agora haxa vacinas xa caducadas ou a punto de facelo: “É impresentable, indefendible e non se pode volver repetir”.
Neste sentido, tamén cuestionou que ao inicio da pandemia se dixese que as máscaras non eran necesarias, ata que foi unha evidencia; que se afirmase que non facía falta unha Lei de Pandemias, cando todo mundo xurídico sinala que si; e se indicase que o certificado COVID para a hostalería estaba mal pensado, ata que o Supremo deu a razón á Xunta.