Tras obter a maioría absoluta nas eleccións municipais do pasado 28 de maio, obtendo 16 dos 21 concelleiros da Corporación Municipal do Porriño, Alejandro Lorenzo (Partido Popular) inicia o seu período agora como Alcalde electo, tomando en conta que preside esta Corporación desde decembro de 2021 trala renuncia da entón alcaldesa Eva García de la Torre (PSdeG-PSOE).
Está claro que co resultado das eleccións, Vde. non precisa da oposición para gobernar. Sen embargo, como sabe, a oposición tamén goberna. Que campo de manobra lle vai a permitir?
A do respecto, a da cordialidade e tenderlle a man para levar a cabo as propostas que sexan necesarias para conseguir o mellor para O Porriño.
O tema da humanización urbanística está moi de moda. Que iniciativas estades levando a cabo?
O que temos programado para o Concello do Porriño son humanizacións de distintas rúas do noso casco urbán e de tódalas parroquias. No casco urbán temos proxectos importantes no Parque Infantil, no Paseo do Louro e entre as rúas Pio XII e Antonio Palacios para dar pe a que teñamos zonas verdes que antes non existían.
Os aparcamentos no Concello, son provisionais ou definitivos?
Os aparcamentos en principio son contratos que se fixeron por catro anos con carácte de ampliación e na liña do que queremos facer. Estamos tentando conseguir outros espazos nas entradas do noso Concello para dotar de aparcamento e hai tamén zonas fundamentais como poden ser o Centro Médico. Estase notando a necesidade de aparcamento que tiña este Concello. A pesares disto o parking público que existe na Avenida de Galicia está sendo usado, o cal demostra que moita xente visita o noso Concello. Temos contratado dous aparcamento, un na avenida Antonio Palacios e outro ao lado do Instituto.
Está previsto aprobar un novo PXOM?
Hai que facer unha revisión de acordo a unha nova normativa e tamén que se leve a cabo esa actualización do actual PXOM, que data de 2013. Hai moitas cousas que deben ser revisadas porque hai novas infraestruturas que queremos facer como o futuro Auditorio Municipal e novos viais. E para iso necesitamos desa actualización do PXOM que imos a negociar con tódolos grupos políticos e tamén que participe a cidadanía en tódalas parroquias coas propostas que consideren para tentar aprobalo canto antes porque é unha ‘arma’ necesaria para este Concello.
Cal é a filosofía ou a intencionalidade do alcalde nese campo?
Eu entendo que hai pouca posibilidade para edificar no casco urbán porque hai poucos terreos e hai que sairse xa ás aforas. O Porriño e o seu casco urbán precisan de zonas verdes e iso imos tentar ‘pechalo’. Esa vai ser un pouco a liña. E logo a partir de aí, cos terreos que existen con edificabilidade, continuar coas estruturas que existen e nas parroquias buscar esas zonas onde a veciñanza poda edificar que, hoxe en día, hai moitas que non teñen.
“O Porriño e o seu casco urbán precisan de zonas verdes”
No Porriño, cantos metros se necesitan para facer unha casa?
Depende das zonas pero as máis abundantes son de 600 m2. Pero tamén é certo que hai moitas cuestións que hai que regularizar.
Coa alcaldesa de Mos impulsou a iniciativa comarcal ‘A Louriña entre Todos’. Cal é o contido desta iniciativa?
Nós temos que levarnos ben con tódolos Concellos cos que somos limítrofes para levar a cabo acordos e establecer sinerxias orientadas a iniciativas en conxunto coa finalidade de buscar solucións a asuntos comúns como a delimitación, sendo este os casos de Mos e Tui. E así tamén podémolo facer con Ponteareas e Gondomar que tamén son Concellos limítrofes. Buscar iniciativas conxuntas que repercutan no benestar das nosas veciñanzas.
O Porriño destaca tamén polo deporte. Este Concello supera a moitos no relativo aos investimentos en deportes. Esa liña mantense?
Vaise a aumentar. Imos facer unha gran aposta en deporte e cultura, sobre todo no deporte base. En convenios directos estamos superando o medio millón de euros e nas axudas superan o millón de euros porque hai que facer mantemento e melloras nas instalacións municipais. Levaremos a cabo melloras nos dous campos de fútbol do noso Concello e facer instalacións novas para que os clubes deportivos podan desenvolverse, como son tamén os casos do balonmán e baloncesto. E tamén darlle cobertura ás escolas deportivas para que non teñan que ir a outros Concellos a realizar as súas prácticas aínda que as súas respectivas ligas as fagan no Porriño.
“Imos facer unha gran aposta en deporte e cultura, sobre todo no deporte base”
E a cultura?
O actual orzamento municipal de 2018 destina moito a deporte e cultura. No 2024 imos tentar subilo porque esa é a liña a seguir. Temos medio millón de euros en subvencións directas ou nominativas para deporte e outro medio millón para cultura. O Porriño é sen dubida un dos Concellos que máis destina en deporte en toda Galicia. E tamén seguiremos apoiando como nunca ás asociacións culturais nas súas actividades. E aquí é prioritario o novo Auditorio, unha demanda necesaria que non pode esperar máis. Faremos melloras no actual centro cultural pero temos tamén novas zonas que estamos estudando para facer o Auditorio nos próximos catro anos.
Cómo está a situación da Biblioteca Municipal?
Magnífica. Cada ano nos estamos superando, conseguimos máis premios e innovamos con actividades como o Clube de Lectura, que están demostrando que a nosa Biblioteca é das mellores de Galicia.
E a gastronomía, como a Festa dos Callos?
Esta festa entra dentro da programación das Festas do Cristo. O Concello patrocina e colabora coas axudas necesarias para a hostalería e iso manterase.
No caso das canteiras, unha ‘pedra no zapato’ do Concello desde fai máis de cincoenta anos. Como é a situación actual?
As canteiras que existen están en Porriño e Atios. É un ‘pulmón’ para o noso Concello porque aí empezou a nosa industria e somos un referente no sector da pedra e do granito. Existen o clúster e asociacións e estamos tamén integrados na Fundación do Granito. Dotamos unha partida orzamentaria anual para isto e estamos levando a cabo iniciativas para realzar a pedra, a fundamental insignia que ten o noso Concello.
Si pero en relación á problemática das canteiras, o que ten que ver coas Comunidades de Montes e o Concello, cómo está esa situación?
Non é unha problemática. O que esta claro é que o Concello do Porriño tiña unha titularidade nesas canteiras. As Comunidades de Montes de Budiño e Atios reclamaron a súa titularidade e a de Atios gañou a sentenza xudicial e a do Porriño gañouna o Concello. Pero temos claro que todo o que sexa do Concello do Porriño é dos seus veciños e, polo tanto, tamén no caso de Budiño e de Atios.
Recentemente recibiu a unha delegación do goberno de Luoyang (China) Espera novos investimentos chineses nas áreas industriais do Porriño?
Viron representantes da empresa e do goberno desa zona de China para ver a posibilidade de apoiar investimentos nas empresas que teñen aquí, o futuro que ten e doutras mais que se podan instalar neste Concello. Para nós é importante o fomento do emprego e a instalación de novas empresas así como a ampliación das que existen.
“Hai moitas empresas interesadas en instalarse no Porriño e máis agora cando, no próximo mes de xullo, nos converteremos en Concello emprendedor”
Hai suficiente terreo no polígono para a instalación de novas empresas?
Suficiente obviamente nunca hai. Pero hai moitas empresas interesadas en instalarse no Porriño e máis agora cando, no próximo mes de xullo, nos converteremos en Concello emprendedor, unha categoría que concede a Xunta de Galicia. Iso quere dicir que toda a industria do noso Concello vaise beneficiar nas distintas subvencións da Xunta que proiriza aqueles Concellos emprendedores e tamén das bonificacións dos impostos IBI, IAE e ICIO. Os impostos no Concello do Porriño son os máis baixos que existen e non se poden baixar máis pero si se poden bonificar facendo unha criba daquelas empresas que se instalen no Concello e que realmente fomenten o emprego.
Como está o ‘pulmón’, a economía do Porriño? Ten débedas serias o Concello?
A economía está mellor que nunca. Cando entramos a gobernar o Concello tiña débedas de 5,5 millóns de euros. Fíxose unha criba de todas aquelas facturas irregulares que non se demostraban a veracidade dos prezos do mercado e, por primeira vez na historia, se devolveron case un millón e medio desas facturas. O resto foron abonadas e hai outras pendentes de sentenzas porque en principio esas sentenzas danlle a razón ao Concello do Porriño. Quedan por solucionar algunhas facturas, por valor entre 100.000 e 200.000€ que serán levadas a pleno municipal para que se liquiden esas cantidades que existían de gobernos anteriores. E a partir de alí facer un orzamento novo, que é esencial para o Concello, posto que temos un do ano 2018 de 13 millóns€ cando a realidade hoxe en día é de 19 millóns. Esa é a cantidade que imos levar a pleno en xullo que nos deixa facer poucos investimentos pero hai que cumprir cos servizos básicos. E tamén usar o remanente de tesourería de case 14 millóns€, moi importante grazas á xestión económica feita. Se para 2024 non nos implantan a regla do gasto poderanse facer moitos investimentos no novo Concello.
“En xullo levaremos a pleno un orzamento municipal de 19 millóns de euros”
Pero esas facturas, teño entendido, había diñeiro para pagalas. O problema era a legalidade das mesmas
O Concello do Porriño sempre tivo remanente positivo pero, obviamente, se non pagas esas facturas vas seguir tendo ese remanente positivo. Son 5,5 millóns€ en facturación irregular cun tipo de contrato que se fixo dun xeito verbal pero que tampouco se tentou de pagalas revisando cada unha delas. E ata descubriuse que moitas desas facturas que se querían pagar, así conformadas polo órgano competente do anterior goberno municipal, xa estaban pagadas e se querían volver a pagar.