Cadernos da viaxe
A recente admisión para trámite polo Parlamento da iniciativa lexislativa do BNG para lle transladar ás Cortes do Estado a solicitude de transferencia das competencias de tránsito e seguranza viaria ven de nos lembrar que o mesmo Parlamento aprobou en maio de 2007, a Lei 8/2007, de Policía de Galicia, que constitúe Dereito vixente e que dispuña unha integración inmediata da Unidade Adscrita da Policía Nacional a Galicia (500 prazas das que menos de 400 están cubertas, por mor da neglixencia da Xunta e do Goberno do Estado) que non executou Núñez Feijoo ao longo de doce anos de goberno, en claro incumprimento da lei e frustración da carreira profesional da policía que serve na Unidade Adscrita, dependentes orgánicamente do Goberno do Estado e funcionalmente da Xunta e, xa que logo, sometidos á indefinición normativa e ao absurdo da dependencia de discrecionais comisións de servizos cando non á perda de dereitos laborais.
O recente protagonismo da Xunta como Autoridade Sanitaria común amosou a necesidade dunha Policía Administrativa que garanta o cumprimento das ordes e resolucións da Administración Galega nos seus eidos competenciais (saúde pública, ambiente natural, medio rural, urbanismo, xogo, violencia machista, ordenación do territorio,protección de menores e incapacitados…). E amosou as graves limitacións de medios humanos da actual Unidade Adscrita para server as necesidades integrais do Goberno galego, como peches perimetrais complexos.
“O recente protagonismo da Xunta como Autoridade Sanitaria común amosou a necesidade dunha Policía Administrativa que garanta o cumprimento das ordes e resolucións da Administración Galega nos seus eidos competenciais”
Galicia ten tres níveis de Poder: estatal, autonómico e local. Xa que logo haberíamos ter tres policías: estatal, autonómica e local, como teñen en Catalunya, Euskadi, Navarra e Canarias e nos sistemas federais e plurais todos (Reino Unido, Alemaña, Suiza, USA, Canadá, México, Arxentina ou Australia). O outro, o de agora, é unha auténtica disfuncionalidade.
A lei de 2007 enxergaba tamén que a Policía de Galicia asumise as competencias en tránsito e seguranza viaria e, xa que logo, por iniciativa do vicepresidente Anxo Quintana, PSOE, PP e BNG aprobaron por unanimidade no 2008, sendo presidente do PPdeG Núñez Feijóo, unha proposición de lei orgánica para transferir estas competencias a Galicia, que as forzas estatais traizoaron coa súa abstención (PP) ou voto en contra (PSOE) no Congreso en setembro de 2010.
Existía daquela o consenso de facilitar o traspaso das persoas que servisen en Galicia na Garda Civil de Tráfico (GCT) á Policía de Galicia , mesmo de abrir a porta a que centos de persoas galegas con destinos policiais fóra do País puidesen optar ás prazas da Policía autonómica.
Naquel entón, organizacións representitativas da GCT na Galicia amosaban o seu total apoio á integración na Policía autonómica, pois que o traspaso favorecería as condicións salariais e de servizo dos funcionarios policiais de tráfico, malia que advertían tamén que os mandos militares da Garda Civil seica non estaban tan dacordo.