Cadernos de viaxe
Dicíamos na primeira xeira desta análise que, no tempo da aprobación da lei de Policía de Galicia (2007) e da proposición de lei orgánica para a transferencia das competencias de tránsito e seguridade viaria a Galicia (2008) eran maioría os funcionarios da Garda Civil de Tráfico (GCT) no noso territorio (e moitos galegos de orixe con destinos fóra do País) que desexaban integrarse nunha nova Policía, civil e galega, para cumprir o seu traballo nas nosas estradas.
Na altura a Unión de Gardas Civís de Galicia (UGCG) criticaba, ao tempo, a arbitrariedade dos mandos militares da GCT na Galicia ao executaren un sistema puramente recadatorio no exercicio da policía de tránsito que, ademáis, resultaba discriminatorio salarialmente para os axentes que non propuñan sancións en grao abondo para os criterios da Superioridade.
Velaí que, na altura, o modelo proposto polo vicepresidente Anxo Quintana no goberno de coalición para o exercicio das competencias de tránsito fose moderno, democrático e acaído ás necesidades de Galicia, xa que atendía tamén á nosa amplísima rede de estradas secundarias, priorizaba a formación no manexo do vehículo a “quitar o carnet” e proxectaba botar os alicerces para que os axentes da GCT, ao se transferir á Policía autonómica, puidesen exercer con plena profesionalidade e sen presións militares as súas moi competentes capacidades.
“No 2021 segue a ser evidente a necesidade dunha política de Tránsito galega , lonxe da xestión militarizada das multas, que gravan desaqueladamente en termos comparativos á nosa Galicia”
No 2021 segue a ser evidente a necesidade dunha política de Tránsito galega , lonxe da xestión militarizada das multas, que gravan desaqueladamente en termos comparativos á nosa Galicia. Lonxe da burocracia de pólizas e exames das Xefaturas galegas de Tráfico e concorde coa acaída dispoñibilidade do sector galego da formación viaria, nas nosas autoescolas.
Mais non só a Policía Administrativa habería ser a tarefa da Policía de Galicia, que tamén ha ser, no seu tempo, unha policía integral, tamén no eido da seguranza pública.. Tempo que podería ser máis cedo ca tarde, porque (como dicíamos noutronte) xa temos a Policía de Galicia creada por lei, temos por lei regulada unha coordinación de policías locais con vocación de se integrar na nosa futura xestión da seguranza pública galega e temos operante unha moi boa Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada que pode fornecer moi aqueladamente as necesidades de selección e formación das Policías de Galicia.
Porque a nosa Policía ha ser unha Policía civil e democrática, unha Policía do século XXI. Garantista, dialogante, rigorosamente proporcionada no uso da forza e sempre atenta á cidadanía a quen serve e quen lle paga.
Unha Policía da escola da Estrada, non da de Ávila nin da de Valdemoro.