Todos aceptaron estas eleccións forzadas. Aínda non sei moi ben porque. Todo o aparato do estado e das amplas redes de convicción, estiveron a dar o quite, a facer que todo semelle normal dentro da enorme anormalidade. Foron unhas eleccións forzadas nas que ninguén buscou outras posibilidades, algunha na que imperase a razón, o entendemento. Quero dicir que non foron unhas eleccións abertas, que viñan de despois de depoñer un goberno enteiro e legalmente constituído, que non se escoitou ao primeiro protagonista. E o peor, convocounas quen non debera, alguén que non ten prédica, que non o escoitan. Ese alguén que convoca aproveitou sibilinamente a situación para darse bombo xunto con outras forzas de semellante calado e teorías xordas. A eses foilles ben, quixeron aproveitar de novo “a forza da súa razón” para impoñer as súas solucións, que forzan rexeitamentos e a non integración, a fuxida de capitais, a fuxida de empresas, de boicots e redención de foros, de especulacións artísticas e culturais, de espolio, e van ben traxeados. Todo iso sumado a un currículo cheo de mentiras, de transgresións, tramas, corrupción e todo canto xa sabemos. Pois, moi ben, agora pode pasar de todo. Pode suceder que estes volvan insistir no 155 como panacea da súa orde democrática, que exclúe, que non deixa expresar, que forza eleccións e lembra tempos ingratamente sabidos, estarán novamente errados. Sucedeu que gañaron os que non poden gobernar, nin deben, pois na súa efervescencia deixaron ver as intencións bastardas de tempos miserables e non precisamente democráticos. Os resultados non gustan a ninguén. Virán ríos de tinta, dos xenuflexionados de sempre, que son case todos. Silencio e unha certa decepción. Aquela represión aínda latente foi o verdadeiro fracaso, o de non saber unha solución que puxese freo á caída no abismo. Non hai comunicación. Só saben facer que interveña a xustiza en temas que non son de trato xudicial senón político, de acordos que fomenten o apego. E estes, mandan forzas de orde para calar o berro diante a desconsideración e o descontento, a humillación dun pobo que non se deixa asoballar. De momento o que si está garantido, é o desapego. Non se trata de invadir a Generalitat e gobernar desde os ministerios españois, como algúns quixeran facer. Volvendo atrás, á involución contable. Trátase de ausentar provocacións, de saír desta interminable lista de catástrofes, de deixar as chulerías de certos mandatarios que, por un puñado de votos, son quen de venderse ao demo. Uns barallan o cumprimento da lei, coma dun dogma. Sabendo que esa lei que lles enche tanto a boca e que eles –na súa práctica- perverten, precisa de actualizacións e de modernidade, que é caduca, decadente e enfermiza. Non contempla casos que antes non se sabían ou non querían saber. Mentres, no outro lado máis débil, defenden a liberdade a decidir o seu futuro, condenados a vivir a intervención do estado, algo nada democrático por moito 155 que lles veña a pano. Non deixamos de evocar un goberno intelixente, que fale e que goberne, pois este non parece ser o máis axeitado. Cómpre dialogar, mentres se pode, e saír desta situación con certa dignidade. Digo que non parece o máis axeitado porque para invitar á dignidade hai que tela e non parece, dado o número de corruptos que hai “en plantilla” e dado o número de impedimentos que poñen para que se investigue a verdade, o número de casos abertos, a teima das forzas da orde para acalar a voz da xente cando pide pan e que morre de fame, ou daqueles que cada vez nos sentimos máis pobres, máis parados, máis en precario e que miramos como os ricos son máis ricos nun reparto desigual e mesmo inmoral, que rebaixou o beneficio social e os servizos públicos, evitando responsabilidades para poder favorecer á Banca. En realidade ganaron os desautorizados a gobernar por este goberno, os que meten os narices onde deben e atopan uns modos que lembran tempos de escuras pedras. Darase o caso que formen goberno persoas destituídas, aínda fuxidos ou no cárcere. Menudo esperpento está servido. E entón que? Volverán os tribunais paralelos, coa forza tomar o goberno desde os ministerios? Volverán boicotear produtos cataláns? Volverán animar ás empresas en buscar novo destino, volverán destituír cargos, expedientar funcionarios, vociferar mentiras? Algún día en Moncloa deberán facer autocrítica da nefasta xestión que, desde logo, baixo o meu humilde recanto, non é democrática. Fáltanlles ademais luces e primaveras, ventos de anovado osíxeno.