Pontevedra | Iria Portabales, do CEIP Virxe do Rocío de Vigo, alzouse co primeiro premio desta iniciativa para promover o xoguete igualitario. Mateo Maquieira, do CEIP Portonovo (Sanxenxo) e Goro Couso, do CEIP A Pedra (Bueu), acadaron os accésits
“Temos uns centros educativos comprometidos coa educación integral” asegurou a presidenta Carmela Silva na entrega de premios do certame no que participaron máis de 1.400 nenas e nenos de 72 centros educativos de 32 concellos da provincia.
Iria Portabales, alumna de 9 anos do CEIP Virxe do Rocío (Vigo), alzouse esta mañá co primeiro premio do concurso para promover o xoguete igualitario da Deputación “Búscase a Talento”, no que acadaron tamén accésit Mateo Maqueira, 8 anos, e Goro Couso, 8 anos, dos CEIP Portonovo (Sanxenxo) e A Pedra (Bueu).
O salón de plenos, “o noso lugar máis importante para acollervos a vós, que tamén sodes o máis importante que temos”, acolleu a entrega desta primeira convocatoria do certame na que a presidenta Carmela Silva acompañada da responsable de Red Talento, Laura Seara, enxalzou o papel dos centros educativos, “moi comprometidos coa educación integral”. A entrega foi seguida en directo no Salón de Plenos por ducias de compañeiras e compañeiros da nena e dos nenos premiados.
“Síntome orgullosísima da resposta que tivo o concurso, con máis de 1.400 nenas e nenos de 72 centros de 32 concellos que amosa que temos uns centros educativos comprometidos coa educación integral”, destacou Carmela Silva, que puxo en valor a creatividade das nenas e nenos. “O talento é o único que importa nas persoas, é o que vai construíndo sociedade”.
“Búscase a Talento”, dirixido a 3º e 4º de primaria, pretendía remarcar que non hai xoguetes, libros ou xogos diferentes para nenas e nenos; só hai xoguetes para xogar, crear e imaxinar un mundo libre de estereotipos e roles de xénero. Deste xeito as nenas e nenos participantes tiñan que crear a “Talento”, un personaxe feliz, libre, intelixente e con moita creatividade, cunha serie de materiais enviados aos centros educativos pola institución provincial.
Para a presidenta, que recordou o seu pasado como mestra, “non é posible unha educación plena e de calidade se a igualade non forma parte transversal desa educación. Cada día é máis importante que eduquemos en igualdade e na paz, fundamental para que non teñamos que asistir a unha situación tan terrible como a que vivimos nestes días”.
Por estes motivos amosou o seu agradecemento “ao traballo desenvolvido polos centros educativos, cun grande compromiso co que é o máis importante ascensor social que existe: a educación”.
Tamén enxalzou a creatividade das crianzas asegurando que “as 1.400 propostas eran marabillosas, sentídevos todas e todos premiadas/os porque o feito de poñer en marcha a vosa creatividade e talento é un premio xa en si mesmo, pero estas tres son realmente fermosas, teñen unha enorme forza, potencia, son absolutamente diferentes e poderían estar en calquera museo.”
Os premios
O primeiro premio recaeu en Iria Portabales, alumna do CEIP Virxe do Rocío de Vigo que recibiu de mans de Carmela Silva e da responsable de Red Talento, Laura Seara, un lote de libros educativos, un diploma en cartón pluma así como a noticia de que o seu personaxe creado para o concurso será protagonista dun conto escrito por Ledicia Costas. A propia escritora así o notificou nun vídeo emitido durante o acto de entrega de premios, no que amosou o seu desexo de coñecer canto antes a Iria “para ver que é o que pasou pola túa cabeza para deseñar este personaxe tan interesante e poñernos axiña a traballar”.
Pola súa banda Goro Couso, alumno do CEIP A Pedra de Bueu, e Mateo Maquieira, alumno do CEIP de Portonovo, recibiron tamén un lote de libros educativos e un diploma en cartón pluma. Os seus centros educativos, amais do de Iria Portabales, beneficiaranse dunha sesión do espectáculo de contos e música “Elas contan moito” e dun lote de material igualitario .
Tanto a nena como os nenos gañadores de “Búscase a Talento” tomaron a palabra durante o acto para agradecer á Deputación o premio como tamén o fixeron as mestras e mestres que os acompañaron, que aproveitaron a ocasión para enxalzar a iniciativa subliñando a necesidade de traballar no fomento da igualdade e da creatividade.
A guía “Búscase a Talento”
A Deputación vén de editar 1.500 exemplares da guía “Búscase a Talento”, que espallará polos centros educativos da provincia para afondar nas consecuencias da sexualización dos xoguetes e na importancia do xogo.
A guía inclúe un decálogo para rachar cos xoguetes e xogo sexista, lembrando, entre outras cuestións, que as cores son de todas as nenas e nenos, a libre elección do xoguete, as oportunidades educativas que ofrecen, a contribución do xogo ao desenvolvemento de habilidades, e a importancia de escoller xoguetes seguros, cooperativos e que fomenten os valores e dereitos humanos.
Tamén inclúe un glosario no que se explican conceptos como feminismo, xénero, sexismo, igualdade, patriarcado, diferenzas sexuais e de xénero, empoderamento, estereotipos, e roles e perspectiva de xénero.
Dinamización da lingua galega
O departamento de Lingua da Deputación vén de aprobar as bases de subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro e aos concellos para realizar actividades de dinamización da lingua galega durante este ano 2022. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, repartiranse 120.000 euros entre as entidades, mentres que os concellos da provincia recibirán 100.000 euros.
Estas dúas liñas de axudas, que por terceiro ano se aproban por separado, teñen como obxecto a dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social, así como para as actividades de entidades culturais sen fins de lucro dirixidas a promover, fomentar e difundir o emprego da lingua galega.
Segundo a responsable provincial de Lingua, a realización de actividades de dinamización lingüística resulta crucial para favorecer o coñecemento, posta en valor e uso da lingua galega por parte da cidadanía e en todos os ámbitos. Para iso, destaca Ortega, “é necesaria a implicación de todos os sectores sociais e, principalmente, o tecido asociativo, que está máis preto da cidadanía, co obxectivo de incrementar a presenza do galego en todos os contextos e desmontar os prexuízos a través dunha boa información e difundir argumentos que acaben con opinións belixerantes e demagóxicas sobre o galego que aínda permanecen en certos ámbitos”.
Neste senso, a Deputación vén de constatar “á demanda que ano tras ano mantén constante o tecido asociativo da provincia en favor da promoción e defensa da nosa lingua, tal como se aprecia no incremento constante de entidades solicitantes”. Así, para repartir os fondos provinciais de maneira máis ampla, a subvención para entidades culturais sen fins de lucro non poderá superar o 75 % do orzamento presentado para a súa realización, e, como máximo, tres mil cincocentos euros (3.500,00 €).
No relativo ás axudas aos concellos, a nacionalista sinala que as administracións locais constitúen unha vía de dinamización lingüística prioritaria, por tratarse da organización administrativa que é máis próxima e que máis directamente lle transmite a acción pública á cidadanía, podendo aplicar medidas de intervención directa atendendo á poboación e ao territorio, e favorecendo a planificación individualizada segundo as particularidades sociolingüísticas de cada zona. A axuda para a realización de actividades dos concellos non poderá superar o 75 % do orzamento presentado.
Entre outras actuacións valoraranse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.
O prazo de presentación de solicitudes para entidades e concellos comezará a contar a partir do día seguinte da publicación da convocatoria e o seu estrato no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).