Santiago de Compostela | O prazo para elixir as mellores cancións do ano na Galiza e en Portugal, aberto o pasado 22 de febreiro, pechou este domingo día 20 de marzo, no marco dos Premios aRi[t]mar 2021, organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa finalidade de divulgar a música e a poesía galego-portuguesa no marco da Lei Valentín Paz-Andrade que busca o ensino do portugués no sistema educativo galego e vínculos coa lusofonía.
Os perto de 5.500 votos emitidos polo público a través da Internet decidiron que “Peixe”, de Xisco Feijóo, fose elixida Mellor Música do Ano 2021 na Galiza. Igualmente, “Andorinhas”, de Ana Moura, foi elixida Mellor Música do Ano 2021 en Portugal.
A segunda e terceira cancións máis votadas na categoría galega foron, respectivamente, “Pobo de Artistas” de Dakidarría, e “Maneo de Cambre”, de Caamaño&Ameixeiras. Na categoría lusa, a segunda e terceira cancións máis votadas foron “Estou por tudo”, de Miguel Araújo, e “Eco”, de Carolina Deslandes. As vencedoras foron escolleitas de entre dez músicas galegas finalistas e outras tantas portuguesas.
Ambalas dúas vencedoras son claras apostas por unha visión contemporánea da música tradicional e puntos de inflexión nas carreiras dos seus intérpretes.
“Peixe” é o nome da canción elixida como mellor do 2021 na Galiza, pero tamén do que é o primeiro traballo discográfico de Xisco Feijóo en solitario. Este bailador, coreógrafo, presentador de televisión, mestre e cantor ten participado en máis de vinte traballos e presentacións de artistas de proxección internacional como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto ou Rodrigo Romaní.
En concreto, “Peixe” é un canto á aceptación e á natureza única, incoherente e irrepetible do ser humano, no que unha fonda tradición emerxe grazas a unha mirada recuperadora pero tamén actual e contemporánea.
Por outra banda, “Andorinhas” é o primeiro tema do novo camiño que a fadista máis exitosa do presente século, Ana Moura, botou a andar tras romper coa súa casa discográfica e comezar a crear e producir música dun xeito máis diverso e independente. “Andorinhas” é boa mostra desta nova senda, basculando entre unha voz sentida de fadista e unha envolvente musical que, sen deixar de recordar á música nacional lusa, tamén se achega a ritmos contemporáneos coma o da electrónica.
O tema ten sido definido por fontes achegadas á artista santarena como “símbolo da liberdade e a emancipación, da creatividade en estado puro”, o que sen dúbida marca un punto de inflexión na carreira dunha figura que ten superado o millón de ventas a nivel mundial.