Monforte de Lemos | O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, felicitou á Denominación de Orixe Ribeira Sacra e destacou en concreto as oito medallas de ouro e seis de prata que obtiveron as adegas da zona no certame internacional de viños extremos que se celebra na rexión italiana de Aosta, o único dedicado á viticultura heroica.
Arias participou na entrega dos premios, que tivo lugar hoxe no marco da xuntanza anual dos adegueiros da denominación.
O delegado explicou que a Xunta destinou este ano 2,1 millóns de euros a apoiar o funcionamento dos Consellos Reguladores dos viños e augardentes galegos e o seu labor de promoción e de control da calidade, e reafirmou a aposta do Goberno galego pola internacionalización, que se manifesta a través da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, entre outras iniciativas.
Igualmente, subliñou que a futura Lei da calidade alimentaria tamén suporá unha oportunidade para impulsar e dar unha nova dimensión no mercado á produción amparada pola denominación de orixe. Entre as novidades que recolle, figura a regulación dunha certificación de sustentabilidade que busca fomentar o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria.