Vigo | A entrega de galardóns dos Premios GirlGeekCovid, que distinguen a motivación e a excelencia académica das alumnas da Universidade de Vigo que cursan carreiras de enxeñería e ciencias, converteuse esta mañá nun emotivo acto no que as catro gañadoras reivindicaron o esforzo das estudantes e lanzaron unha mensaxe clara e firme sobre a presenza activa das mulleres en todos os eidos da actividade humana, tamén nas carreiras STEM.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor Manuel Reigosa entregaron os diplomas na sede viguesa da institución, e coincidiron en que as premiadas dan pulo co seu exemplo ao obxectivo de acadar a igualdade nas ciencias e na enxeñería.
“Teñen un currículo extraordinario e unha gran motivación, formarán parte da transformación que vivimos e serán un referente para moitas mozas que teñen que tomar decisións vitais”, subliñou Carmela Silva. O reitor destacou: “Estamos aínda moi lonxe pero son optimista e vexo aquí catro mulleres con talento e ideas claras que son unha referencia para toda a sociedade que quere a igualdade”.
As alumnas agradeceron a súa iniciativa á Deputación, á Universidade e á Cátedra de Feminismos 4.0., a través da cal se organizan os premios. Tamén expresaron o seu agradecemento ás compañeiras e compañeiros, ao profesorado e especialmente ás súas familias por apoialas para que estudasen o que lles gusta. Ana Ramírez, alumna do mestrado de Biotecnoloxía e primeiro premio na rama de Ciencias, reivindicou “que se valoren os éxitos e o esforzo das mulleres” e chamou a loitar “xuntas e xuntos” pola igualdade, ademais de defender que “ser muller e ter éxito en carreiras STEM é posible”.
Marielena Iglesias, do mestrado de Telecomunicacións e primeiro premio en Enxeñería, afirmou que nin o profesorado nin o alumnado da UVigo “puxeron nunca trabas” para que se convertese en enxeñeira e animou a todas e a todos a “seguir traballando por que as mulleres sexan visibles”.
Uxía López, alumna do grao en Química e accésit en Ciencias, afirmou que “calquera alumna ou alumno quere que o seu traballo sexa recompensado, e iniciativas como os premios GirlGeekCovid son moi adecuadas para acadalo”.
Pola súa banda Andrea Busto, do mestrado de Telecomunicacións e accésit en Enxeñería, reivindicou a resiliencia e “forza invisible” que fai superar retos e esperou que non sexan necesarias no futuro iniciativas para conquistar a igualdade por terse acadado o obxectivo.
“Esperanza e compromiso”
A presidenta da Deputación felicitou ás premiadas: “están cheas de coñecemento e compromiso e son unha esperanza para todas nós”, ademais de declararse “feliz de que se amose o talento das mulleres que estudan STEM. “¿Por que as mulleres non se matriculan nestas carreiras? Porque desde que nacemos nos orientan cara aos coidados, por iso somos máis en Mediciña ou Educación, mentres que eles son orientados ao liderado, a toma de decisións e a investigación”.
Resaltou que “hai que poñer en valor e visibilizar o traballo das mulleres”, poñendo como exemplo os Premios GirlGeekCovid, e fixo unha reivindicación: “Queremos un mundo co 50% de homes e mulleres nas tecnoloxías, e tamén nos coidados. Queremos ocupar o espazo que nos corresponde, e igualdade de oportunidades”.
A presidenta amosou a súa preocupación pola baixa porcentaxe de matriculadas nestas áreas que constrúen o futuro e salientou que “as mulleres temos que estar aí”.
O reitor tamén felicitou ás premiadas e animounas a “traballar sempre con ese esforzo para visibilizar o talento”. Manuel Reigosa advertiu de que é preciso que “o 50% das matriculacións sexan das mulleres” e non haxa “estereotipos nas titulacións nin carreiras masculinizadas que marquen as pautas”.
Ademais reafirmou o seu compromiso para seguir apoiando a igualdade e concordou “ao 100% coa potente mensaxe que lanzou a presidenta da Deputación”.
Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e condutora do acto salientou a “emoción” das intervencións e amosou a súa seguridade en que a distinción GirlGeekCovid “será o primeiro de moitos premios que recibirán na súa vida” as catro alumnas.
6.000 euros en premios
Cada un dos premios do GirlGeekCovid está dotado con 2.000 euros, e o importe dos accésits é de 1.000.
A iniciativa da Deputación e da Universidade de Vigo ten como finalidade rachar cos estereotipos e incorporar ás mulleres á ciencia, a enxeñería, a tecnoloxía, as matemáticas e a dixitalización, todos eles campos estratéxicos nos que hai unha menor presenza das mulleres.
Os premios decidíronse pola nota media do expediente e a motivación á hora de apostar por estudar carreiras STEM, reflectida en cartas nas que explican por que encamiñaron o seu futuro cara estas ramas e os obstáculos aos que se enfrontan.