Mondariz | O Concello de Mondariz vén de convocar a segunda edición dos ‘Premios Mondariz á conservación e rehabilitación arquitectónica’ que buscan, como obxectivo básico a protección e posta en valor do patrimonio arquitectónico do municipio.
Mondariz convertíase o pasado ano, no primeiro concello de Galicia en desenvolver un certame destas características, e o facía da man dun dos máis prestixiosos arquitectos galegos, como é o pontevedrés César Portela que ostenta, entre outros moitos recoñecementos, o Premio Nacional de Arquitectura. O ilustre arquitecto non dubidaba en asegurar que “esta é unha idea que deberían imitar todas as administracións2.
Daquela, o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, deixaba ben claro que o certame nacía “cunha clara vocación de continuidade” xa que, explicaba o rexedor municipal, “o futuro de Mondariz pasa por reencontrarse co seu pasado” e nada mellor para ese reencontro, que manter, conservar e poñer en valor a arquitectura tradicional dos nosos antepasados.
A conservación e rehabilitación da arquitectura tradicional amósase como unha das mellores ferramentas para revitalizar e manter o patrimonio dun municipio xa que non só conseguen a restauración do inmoble que se presenta a concurso, senón tamén do entorno en que se insire.
O prazo de presentación de propostas, que teñen que ser necesariamente proxectos realizados durante o pasado ano 2016, rematará o 28 de febreiro.