Ourense | A quinta edición dos Premios Rodolfo Prada á Xestión Cultural, organizados pola Deputación de Ourense, xa ten gañadores. O primeiro premio, elixido por unanimidade do xurado entre os proxectos presentados, é para a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, fundadora e directora do ciclo internacional de recitais poéticos mensuais “Poetas Di (n) Versos”.
Estes encontros, nacidos no ano 2009 na Coruña, teñen como obxectivo reunir ao mellor da poesía en galego e do resto do mundo. Baséase en lecturas poéticas públicas na voz dos seus autores e autoras con entrada aberta e gratuíta.
Este ciclo é, segundo Yolanda Castaño, “unha exitosa iniciativa pioneira en Galicia, así como o único ciclo estable que presenta poetas internacionais de maneira periódica e regular en toda España”.
Festival de Cans
O segundo premio, a proposta do xurado, é para o Festival de Cine de Cans, organizado pola Asociación Cultura Arela, dende o ano 2004. Adegas, alpendres, galpóns, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas convértense no mes de maio en salas de proxección. Curtas de ficción, de animación, documentais, concurso de videoclips ou webseries pasan por esta aldea que, foneticamente, coincide coa cidade de Cannes, orixe desta iniciativa cinéfila.
“A creación galega máis emerxente pasa por Cans, que se converte na gran plataforma de visibilidade dos novos creadores. Cans é unha mestura que non é fácil de definir pero ante todo unha experiencia”, aseveran os seus organizadores.
O Museo do Médico Rural de Maceda, considerado pioneiro no panorama museístico, é o terceiro premiado desta quinta edición, tamén a proposta do xurado. O museo ten como obxectivo resaltar a figura do médico rural, “parte do patrimonio cultural da nosa terra”, segundo os seus promotores. Nace en Maceda porque é a vila onde, durante 40 anos, exerceu o doutor José Manuel Lage, creador do proxecto. Durante anos percorreu distintos puntos de España para recompilar información e solicitar obxectos dos devanditos médicos que agora se poden ver neste espazo.
Nesta ocasión, o xurado dos Premios Rodolfo Prada tamén acordou conceder unha mención especial á Fundación Contemporánea, polo fomento e a difusión de proxectos culturais e, en especial, pola labor que desenrola co estudo “Observatorio de la Cultura”.
Unha publicación de referencia que aglutina a todas as autonomías e axuda a visibilizar a profesión da Xestión Cultural. Nesta importante plataforma, Galicia posicionou máis de 15 eventos relevantes. Esta mención ven acompañada do diploma acreditativo e a escultura conmemorativa de Manuel Buciños.