Preparados, listos…Trump II.

Nunha columna anterior comentábamos da “carreira contra reloxo” que os principais líderes mundiais están impulsando de cara á asunción presidencial de Donald Trump na Casa Branca prevista para este 20 de xaneiro. Os efectos desta carreira estanse deixando sentir.

Dende Cuba ata Gaza vemos treguas, altos ao fogo e liberación de presos políticos (no caso cubano) e de reféns (tal e como se agarda que faga Hamás) Non obstante, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu xa acrecenta as incertezas sobre ata que punto aceptará este alto ao fogo ata ter coñecemento dos primeiros reféns israelíes liberados. Este 19 de xaneiro, un día antes da toma de posesión de Trump, Hamás liberou aos tres primeiros reféns israelís. Non obstante, as suspicacias de Netanyahu con esta tregua non deben pasarse por alto. As presións dos sectores ultranacionalistas e a súa influencia dentro do estamento militar poden alterar as condicións desta tregua, toda vez Netanyahu é consciente de que a súa sintonía persoal con Trump pode resultar decisiva en caso de volver ao campo de batalla.

Por outra banda aumentan os preparativos por parte da Administración Trump para unha posible xuntanza con Vladimir Putin co foco na posibilidade dunha tregua na guerra ucraína. Isto deixa nunha delicada posición á peza “atlantista” en Ucraína, Volodomir Zelensky, quen tamén participa nesta carreira de obstáculos e de preparativos para a presidencia de Trump aceptando negociar con Rusia (e as súas ganancias territoriais) a cambio dun ingreso na OTAN que se observa prácticamente imposible, e aparentemente aínda menos con Trump na Casa Branca. Con todo, Zelensky prepara tamén o seu terreo político e persoal: acordou con Gran Bretaña un tratado de asociación de 100 anos que establece a cooperación militar e tecnolóxica contra a “ameaza rusa”. Significa isto a antesala dun posible “exilio londinense” para Zelensky toda vez a posibilidade real dun acordo Trump-Putin determine a degradación da importancia estratéxica do conflito ucraíno, a insignificancia de Zelensky como líder político e o impulso dun ultranacionalismo ucraíno lexitimado agora por unha narrativa “heroica” da súa resistencia contra o invasor ruso co beneplácito dunha OTAN que precisa manter a Kiev na súa órbita de influencia? Toda vez, a certificación da presenza rusa no Donbás, Zaporiyie, Mariúpol, territorios xa inseridos desde 2022 na estrutura estatal da Federación rusa (así como Crimea, integrada desde 2014) pode intuír un reacomodo de equilibrios politicos dentro do Kremlin, co posible ascenso dunha nova elite de poder por parte de “oligarcas” e funcionarios actualmente establecidos neses territorios e ocupados na tarefa de reconstrución baixo a soberanía rusa.

Para asegurar posicións, o Kremlin vén de completar un acordo defensivo de cooperación con Irán por 20 anos, unha medida moi probablemente deseñada para contrarrestar a perda de peso xeopolítico por parte de Moscova e Teherán trala caída do réxime sirio de Bashar al Asad. Por certo en Siria aumentan os contactos diplomáticos por parte de países europeos e árabes para recoñecer ás novas autoridades en Damasco. O ministro español de Exteriores, Albares, xa estivo na capital siria. O obxectivo aquí non é só a estabilidade siria como mecanismo de seguridade para estes intereses “atlantistas” en Oriente Próximo (con Israel com peza estratéxica clave) senón a posibilidade de abrir a veda dun retorno de refuxiados sirios en Europa coa (inxenua?) perspectiva de minorar a alza electoral e política dos partidos de ultradereita en Europa, co foco nas eleccións xerais alemás de febreiro próximo, que anuncia o ascenso da ultradereita de Alternativa por Alemania (AfD) acusado dende Bruxelas de ser unha presunta peza estratéxica do Kremlin no corazón do poder da Unión Europea.

O anuncio da administración Biden de diminuír as sancións contra Cuba, de eliminar á illa caribeña da lista de países fomentadores do terrorismo e a ampliación das medidas de Protección de Residencia Temporal, que beneficia a 600.000 venezolanos en situación irregular en EEUU, son outras medidas que apuntan a dous escenarios clave para a vindeira administración Trump: a promesa de aplicar unha deportación masiva de inmigrantes; e a óptica que terá o novo goberno na Casa Branca co respecto a Cuba e Venezuela, agora cun Maduro reforzado con outro período presidencial. Non debemos pasar por alto que o vindeiro secretario de Estado en Washington é un “falcón” cubano-estadounidense, Marco Rubio, firme detractor dos réximes cubano e venezolano. Pero a realpolitik pode tamén funcionar neste escenario de relacións hemisféricas para disgusto, por exemplo, da oposición venezolana e as súas expectativas de derrubar o réxime “madurista”.

Todas estas variables gravitan ante o retorno dun Trump que enfoca tamén os seus intereses, de xeito súpeto e inesrperado, en Groenlandia e a Canle de Panamá. Alguén agardaba un escenario así, de volta ao “imperialismo” ianqui? No primeiro caso, alén dos intereses empresariais en torno aos minerais das “terras raras” hai un obxectivo específico: gañar espazos para a carreira de control do Ártico, no que Rusia e China xa teñen gañado terreo. Trump e Musk teñen aquí un interese específico.

A crise de Groenlandia implica a dous membros da OTAN, EEUU e Dinamarca, nun momento estratexicamente delicado para a Alianza Atlántica, obsesivamente preocupada polo desafío que comprenden Rusia e China. Unha crise interna na OTAN entre Washington e Copenhague ante as advertencias de Trump de ocupar militarmente a enorme masa glacial (que poñen no foco o tantas veces mencionado artigo 5 de defensa común ante unha hipotética agresión, neste caso, non exterior senón interna) aumenta os receos en Europa ante as intencións de Trump de desarticular a cooperación transatlántica. Non sería por tanto descartable que Trump “tense a corda” con esta crise por Groenlandia coa finalidade de advertir as súas expectativas por diluír os compromisos de Washington coa OTAN.

“A crise de Groenlandia implica a dous membros da OTAN, EEUU e Dinamarca, nun momento estratexicamente delicado para a Alianza Atlántica”

No caso da Canle de Panamá, o obxectivo é afastar a China do hemisferio occidental, en particular pola súa condición de socio comercial e de cooperación estratéxica de varios países latinoamericanos (Brasil, México, Cuba, Venezuela, Bolivia, Nicaragua, Uruguai) e ante as expectativas de Beijing de avanzar na concreción doutra canle, a de Nicaragua, que una ao Atlántico co Pacífico.

Dentro da política global, Trump deberá contemporizar entre manter esa neutralidade con Rusia e buscar romper o eixe euroasiático en mans de China, cuns BRICS en ascenso que observan a China e Rusia como socios económicos alternativos á hexemonía “atlantista”.

En definitiva, isto non fai mais que comezar. O efecto impredicible do tándem Trump-Musk augura eventos vertixinosos para a política global nos vindeiros anos. E o retorno de Trump aborda posicións fortemente encontradas sobre os seus efectos a nivel mundial. Abróchense ben os cintos ante a “montaña rusa” de Trump II.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.