Ponteareas | A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu a presentación da FESTA DO CORPUS CHRISTI, organizada polo Concello de Ponteareas, e que se celebrará o domingo 18 de xuño. Nela os veciños preparan, deseñan e confeccionan vistosas e coloridas alfombras florais coas que engalanan as rúas e prazas da vila pontevedresa. Pola súa espectacularidade xa foi declarada de Interese Turístico en 1968; de Interese Turístico Nacional en 1980; e en 2009 de Interese Turístico Internacional.
No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez; a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista Fernández e o pregoeiro do Corpus Christi 2016, Roi Groba González.
José Ramón Ónega tras as súas palabras de benvida destacou que “esta bellísima labor floral non é improvisada. É unha inspiración onde a beleza e o sentimento triunfan”, e citando a Baudelaire sinalou que “a inspiración é traballar todos os días”.
Tamén engadiu que “estas creacións florais son arte, e a arte é, sobre todo, unha estado da alma”, como expresou Marc Chagall. “Se a arte é unha rebelión contra o destino, que dixo Malraux, esta demostración da arte, enxeño e traballo, son o espírito dun pobo que sabe crear beleza. En Ponteareas únense para crear estas marabillas”, dixo.
Para a concelleira de Cultura de Ponteareas “Ponteareas é un referente internacional na arte da confección de alfombras florais e a súa tradición é, posiblemente, unha das máis antigas do mundo. Está documentado que xa por 1857 era un costume arraigado entre os veciños a colocación de elementos vexetais para o paso do Santísimo Sacramento”.
Hortensia tamén explicou algo que quedou bastante claro no audiovisual que se proxectou “A noite na que ninguén durme” no que se puido contemplar o árduo traballo de alfombristas e voluntarios que despregan todos os coñecementos e destrezas adquiridas. “Esa noite os visitantes ven como os deseñadores levan ao asfalto a súa obra de arte para dar paso ao traballo de perfilar con cocas de eucalipto e de carballo, cáliz de caravel, talo de fiúncho, falsa árnica… traballo onde xa se inician os máis pequenos do grupo. A continuación os alfombristas seguen fielmente as instrucións do deseñador para proceder a encher o fondo con boj, mimosa, tulla e cortiza de piñeiro, con sumo coidado para non deixar ocos ou calvas no asfalto. Posteriormente, sen moldes e de forma completamente manual e artesanal, peza a peza, e pétalo a pétalo de hortensias, rosas, caraveis… empezan a tomar forma as alfombras florais do Corpus de Ponteareas. “Como se poden imaxinar, ademais dunha combinación cromática prodúcese unha mestura aromática que alaga a vila e que queda para sempre no recordo”, explicou.
Para Roi Groba, “é unha honra e un orgullo ser pregoeiro dunha festa tan representativa da terra dos meus pais”, asegurou que para el trátase “da maior honra que un pode recibir”.
Pola súa banda, o alcalde Xosé Represas, orgulloso de representar á chamada “Vila do Corpus”, mostrou o cartel anunciador, gañador do concurso que se convocou meses atrás, resaltou a participación de Ponteareas nos proxectos internacionais de “arte efémera”. Este ano recibirán a visita da delegación de alfombristas de Gerano (Roma); e ademais aproveitou a ocasión “para convidarlles a todos vostedes a que nos visiten e nos coñézan. Quen o fai, volve, e aseguran que son experiencias únicas e inesquecibles. Esperámoslles xa o sábado 17 de xuño en Ponteareas”.