Vigo | Presentouse no Marco, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Aníbal e a Pintora a nova novela de Xabier Paz. Un acto no que tanto a presentadora, a profesora Beatriz Suárez Briones, como o autor, salientaron o papel da pintora Artemisia Gentileschi como mestra pintora e icona feminista. A profesora da Universidade de Vigo cualificouna como “muller insólita, recoñecida en vida como artista e virtuosa, até o punto de ser admitida en pleno século XVII na Academia de Florencia con apenas 23 anos. Foi unha pintora de estudio, artista do óleo capaz de pintar aos 17 anos obras maxistrais como Susana e os vellos. Analfabeta, aprendeu a ler e escribir de adulta, tendo unha formación artesá. Xaora, a súa vida foi convulsa, perseguida pola fatalidade e polas débedas”.
Briones salientou a documentación exquisita dunha obra que é “un pozo de erudición”. “Hai varias novelas dentro dela, está construída sobre varias voces, utilizando o artificio literario dos papeis herdados. O narrador continúa o labor de Aníbal Moreda, que caíu rendido pola admiración tola por Artemisia. É un texto que se concibe como as monecas rusas, onde unhas voces están dentro doutras, mesmo a a voz da propia pintora”.A seguir, sinalou que “a novela se converte nun tratado de saberes, neste caso sobre a pintura, a súa técnica de vernices, sobre a preparación dos lenzos, ou a utilización da cámara escura. É tamén unha lección de historia, unha recreación da vida en cidades como Roma, Florencia, Venecia, e Na´poles onde viviu a pintora ao longo da vida, Roma que vive un momento decisivo no debate entre Reforma e Contrarreforma, a Florencia dos Medici ou o Nápoles d a peste. Todo isto entusiasmoume”. “Unha novela na que a voz narradora acaba inmersa e devorada pola protagonista como o fora Aníbal”.