Gondomar | O Instituto de Estudos Miñoranos e colaboración coa Asociación de Mulleres do Val Miñor “Area Loura” ven organizando o ciclo de actividades “Mulleres na historia” ao longo de todo o mes de marzo.
Dentro deste ciclo o próximo Xoves 15 de marzo ás 20:00h., na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira 10, baixo, Gondomar) teremos a presentación da novela “Laura no deserto” por parte do seu autor Antón Riveiro Coello que será presentado pola socia do IEM e integrante da A. de Mulleres “Area Loura”, María Luísa Varela Nogueiras.
A nova novela de Riveiro Coello iníciase na primavera de 1982 en Barcelona co achado dunha carta e vai espallando a súa trama por Compostela, Nova York e a Pobra do Caramiñal. O autor de As rulas de Bakunin consegue artellar unha novela na que aventura vital, epopea social e interese narrativo se xuntan. As historias de Diana, que na Barcelona de 1982 atopa unha carta onde se descobre un pasado familiar ata daquela agochado; a dos últimos días da vida dun intelectual en Compostela, que lega ao seu fillo un enigma aínda non resolto; os intentos de Bob, un fotógrafo retirado de Brooklyn, por salvar a Bernie, un amigo que probou o suicidio, e a historia do destino ignoto dunha muller que se debate por conservar os últimos gromos da memoria.
Velaquí unha trama na que a resolución das liñas narrativas lle pide tamén ao lector ou lectora unha toma de posición perante o narrado que o ha implicar ineludiblemente na novela. Escrita co característico estilo preciso e envolvente de Riveiro Coello, Laura no deserto (2011) é unha das grandes achegas narrativas da novela galega contemporánea.
Antón Riveiro Coello, naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudos de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central (1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (2000) obtivo o premio Café Dublín correspondente a 1999. As rulas de Bakunin recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima. En 2007 publica en Galaxia A voz do lago, novela coa que se adentra na creación literaria para os lectores máis novos, e na colección Literaria Os ollos de K.