Presentación do libro “Liber Amicorum. Homenaxe ao Prof. Dr. Francisco Peña”

 

Madrid | A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia foi o escenario da presentación do libro “Liber Amicorum. Homenaxe ao Prof. Dr. Francisco Peña, Fillo predilecto de Ponteareas”, acto no que interviñeron, ademais do homenaxeado, Francisco José Peña Castiñeira, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría -que participa na obra-, o delegado da Xunta de Galicia e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, e algunhas outras das personalidades que participan no libro. A obra reúne a 211 autores que renden a súa particular homenaxe ao Prof. Peña, especialista en saúde na tripla vertente docente, investigadora e educativa-divulgativa.

Ónega referiuse a Peña como un “pioneiro e impulsor da saúde ambiental” que tras trinta e sete anos de intensa actividade goza de recoñecido prestixio nacional e internacional no ámbito sanitario-ambientalista. Referiuse aos numerosos testemuños de amizade e recoñecemento que recompila o libro, de África, América, Asia e Europa, e entre eles destacou os do presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o cardeal Rouco Varela e o de Romay Beccaría. Tamén observou que a obra recolle a Bendición Apostólica do Papa Francisco e afectuosas dedicatorias do Rey Felipe VI e do presidente do Goberno Mariano Rajoy.

 

Romay Beccaría, que presidiu e pechou o acto, destacou do traballo de Peña “o coñecemento profundo das cuestións e a súa capacidade expositiva para facelas entender e comprender polos sectores máis amplos da poboación”, así como que os seus valores “sempre foron moi fieis á defena razoable do medio ambiente e ás esixencias dunha educación sanitaria responsable e veraz”.

Peña considerou ao Liber Amicorum “unha auténtica xoia, pola súa calidade de edición e sobre todo pola calidade do seu contido e todo o que transmite a obra e os valores que defende (o servizo público e axudar aos demais, a ética e a honradez, a autenticidade, o esforzo, a constancia e o traballo ben feito, que prevaleza o ser sobre o ter, a solidariedade, a humanidade, os dereitos humanos, a xustiza social, a cultura da paz, a defensa da educación e do medio ambiente estreitamente ligado á saúde, a saúde ambiental do planeta e a igual dignidade de todos os seres humanos, e un longo etc.; valores e principios dos que a sociedade actual está tan necesitada en recuperar se queremos construír un mundo mellor para as xeracións vindeiras”.

Expresou o seu desexo de que o acto servise “para poñer en valor á nosa querida e marabillosa Galicia e á miña terra natal Ponteareas ´a Vila do Corpus´”, das que expuxo unhas imaxes do seu patrimonio natural e cultural. Tamén de “que o protagonismo sexa compartido cos 211 autores que son os verdadeiros artífices que fixeron posible esta marabillosa obra, como homenaxe á miña persoa, un agasallo caído do ceo” que atribuíu “á xenerosidade infinita da rede de amigos de todo o planeta, o mellor patrimonio que un pode ter”.

 

No libro participan, entre outros, o Papa Francisco coa súa bendición apostólica, o Rey Felipe e o presidente de Goberno de España, con senllas dedicatorias, o presidente da Xunta de Galicia, a presidenta da Deputación de Ponteareas, Carmela Silva, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez, cos seus respectivos prólogos, Federico Mayor Zaragoza cunha presentación da obra e máis de 200 autores de todos os ámbitos (académico, científico, educativo, empresarial, político, eclesiástico, xornalístico; cohabitando monárquicos e republicanos, crentes e agnósticos, conservadores e progresistas, etc.) cos seus correspondentes artigos.

Ademais de Romay Beccaría, outros dos autores do libro que participaron no acto enxalzando a figura do homenaxeado foron José Ignacio Elorrieta Pérez de Diego, Rosalía Fernández Patier, Domingo Gómez Orea, Teresa Villarino Valdivieso, Silvia Rueda Sánchez, Luis Carlos Pérez Aguado e Javier de Paúl Jiménez. Outros autores que asistiron ao acto, aínda que non interviñeron no mesmo, foron Mercedes García Vedía, Enrique Piedras García e Nuria Sánchez González.

Entre outros, tamén asistiron á presentación Antonio Troncoso de Castro, Fillo Predilecto de Ponteareas e Margot Fernández Piñeiro, filla de Maruja Piñeiro, escritora galega e ilustre ponteareá.