Madrid | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, participaron dunha intensa axenda de eventos de promoción turística e cultural da cidade de Monforte e da Ribeira Sacra.
Neste ano, adquire relevancia para a cidade, os actos organizados pola Rede de Xuderías xa que Monforte ostenta a capitalidade da Rede durante o ano 2023 con José Tomé como presidente. Tal e como asegurou o mandatario “supón un reto enorme que afrontamos con ganas de seguir traballando para mellorar a Rede co compromiso de continuar co esforzo xa realizado durante estes anos”. José Tomé recalca “o prestixio da institución considerada como referente dentro e fora das nosas fronteiras da defensa e posta en valor do legado xudeu”.
Dentro das actividades de promoción da Rede, unha das máis relevantes é a presentación dun novo Portal Turístico traducido a tres idiomas: castelán, portugués e inglés que está orientado a buscar a difusión internacional. Tal e como afirma Tomé “constitúe unha plataforma de gran utilidade para continuar a colaborar con outros países de ámbito internacional cos que xa temos relación na actualidade, e especialmente con Portugal que parece ter interese por crear a súa propia rede de cidades e pobos que tiveran presencia sefardí.”
José Tomé tamén recalcou a importancia que ten para Monforte formar parte desta Rede “de cidades tan diferentes en tamaño, costumes e cultura que están distribuídas por todo o territorio nacional e que supoñen para Monforte unha oportunidade de darse a coñecer e poñerse en valor coas actividades conxuntas da Rede”.
As actividades de promoción de Monforte completáronse cos eventos realizados polo Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra e pola Asociación do Camiño de Inverno. O Consorcio exhibíase como escaparate turístico de calidade en Fitur coa presentación de “Manual de boas prácticas para visitantes”, unha nova límea de actuación na defensa da conservación do Patrimonio histórico-artístico da Ribeira Sacra e tal e como afirma José Tomé “da defensa da singularidade dos espazos naturais que foron determinantes para a súa declaración como Reserva da Biosfera”. Apostila Tomé que “constitúen un legado cultural vivo que se completa coa riqueza patrimonial e cultural que o transforman nun conxunto de características únicas”.
A Asociación do Camiño de Inverno adquiría protagonismo na intensa xornada de promoción turística, coa presentación de “Proxectos paso a paso”, un novo plan de divulgación do Patrimonio paisaxístico que se pode descubrir ó facer esta ruta xacobea na que se integran a Ribeira Sacra e Monforte.
Tal e como subliñou José Tomé “o estudio e divulgación do Camiño de Inverno, constitúe unha oportunidade única de poñer en valor os recursos históricos e culturais da cidade e unha nova plataforma para dar a coñecer ó mundo enteiro o conxunto histórico de Monforte”.
As intensas xornadas de traballo que se desenrolaron en Madrid perseguen tal e como explicou Tomé “ofertar Monforte e A Ribeira Sacra nunha plataforma turística das máis importantes a nivel internacional, como un destino turístico único capaz de conquistar os corazóns dos nosos visitantes, que como xa temos comprobado, vanse gratamente sorprendidos cando nos descobren”.