Ourense | A Asociación Cultural Albor acolleu a presentación do número 16 da revista cultural Nós a Xente do Redor. O evento congregou a unha gran cantidade de asistentes, entre os que se encontraban diversas autoridades destacadas, como Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense; Juan Manuel Casares Gándara, parlamentario da Xunta de Galicia; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia; Rosendo Fernández, presidente de INORDE; Carmen Leyte, senadora do Parlamento de Galicia, e Rosa María Sánchez Gándara, senadora por Ourense.
Como é habitual, tamén estivo presente Manuel Blanco Villar, fundador de A Casa do Patrón, Ecomuseo do Mundo Rural Galego, quen acudiu como autor e firme apoio do proxecto.
O evento cultural busca dar voz a artistas de Ourense, de Galicia e de calquera lugar onde exista un vínculo con esta terra. Nesta ocasión, reuniu a destacados nomes como Paco Ascón, Anxos do Souto, Miguel Ángel Martínez Coello, Adela Figueroa, Benito Eladio, entre moitos outros.
A portada do número 16 foi realizada pola recoñecida pintora valdeorresa Lola Doporto, quen, co seu inconfundible estilo, plasmou unha visión única de Curros Enríquez nun retrato que rende homenaxe a este gran poeta, profundamente vinculado a Ourense e o seu legado cultural.
A presentación social estivo animada polas actuacións do grupo de Pandereteiras da Asociación Loureiro e do Grupo Musical da mesma asociación. Ademais, contou coa participación do coñecido acordeonista Maxi, acompañado por Benito Villar. Con esta nova edición, Nós a Xente do Redor segue afianzándose como unha plataforma esencial para a difusión e posta en valor da arte e a cultura galega, consolidándose como un espazo de encontro para creadores e amantes da cultura.