Bueu | O Centro Social do Mar acolleu a presentación do Plan Móvese da Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo prioritario fomentar a seguranza viaria nas estradas provinciais a través de métodos de redución da velocidade dos vehículos e a prioridade dos peóns.
A presentación de hoxe é a primeira que se fai en toda a provincia, e nela o alcalde da vila, Félix Juncal, interveu para destacar este plan e desexar que “se faga realidade proximamente”. A continuación, Uxío Benítez, deputado de mobilidade, explicou en que consiste o plan, que ten como liñas básicas a concienciación social e que inclúe actuacións consensuadas con todos os concellos participantes. Así basicamente, en varios puntos das estradas provinciais vanse poñer 337 Pasos de Peóns Sobreelevados (PPS), 260 Redutores Físicos de Velocidade (RFV) ou lombos, coa finalidade de limitar eses tramos a unha velocidade máxima de 30, ao que se engadiría a sinalización horizontal do 60 % dos viais provinciais en mal estado.
No caso concreto de Bueu, vanse adoptar medidas nas seguintes estradas:
EP 1301: Alto da Portela – Beluso
EP 1302: Beluso – Cabo Udra
EP 1303: Banda do Río – A Portela
EP 1304: Bueu – Igrexario de Cela
EP 1305: Igrexario de Cela – Outeiro – Bueu
EP 1306: Portela – Ermelo
EP 1308: acceso a Praia de Lagos
En total, nestes puntos vanse instalar quince de pasos de peóns sobreelevados e outros quince Redutores Físicos de Velocidade, que supoñen un investimento total de 177.064,27 €.
Segundo avanzou o deputado, esta primeira fase do plan vaise adxudicar no prazo dun mes a catro empresas diferentes segundo os lotes de actuacións, e está previsto que se programe unha segunda fase na que se van ter en conta os proxectos que non se puideron incluír desta volta.