Lugo | O vindeiro xoves 27 de outubro ás 19:00h levarase a cabo no Museo Provincial de Lugo a presentación e coloquio do novo número de Mazarelos: revista de historia e cultura.
No evento participarán Maite Ferreiro Tallón, Vicepresidenta da Deputación de Lugo; Aurelia Balseiro García, Directora do Museo Provincial de Lugo e Clara Reigosa Lombao, membro do consello editorial da revista e historiadora da arte.
O número 8 de Mazarelos arranca no estudio de Antonio Murado, entre tubos e botes de pintura cunha reportaxe ao artista lucense. Segue cunha reflexión sobre os irmandiños, e tamén coa relixiosidade popular e o clero en Galicia. Preséntasenos a Atenea como a primeira imaxe do Museo Provincial de Lugo e mesmo chegamos á presenza de Galicia en Xapón no eido musical.
Tamén unha entrevista con Arantza Portabales e Diego Giráldez: a inspiración, as implicacións de publicar unha obra ou a transición do papel ao dixital. Pecha a revista a asociación Espazo Brétema co propósito de crear unha rede de artistas galegas. Todo encabezado por Iria Ribadomar coa lámina “Jaliñeiro de Elena”.