Madrid | A delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro “A muralla cohabitada”, que recolle medio centenar de fotografías que incialmente integraron unha exposición realizada polo fotógrafo Xosé Reigosa, para conmemorar o X Aniversario de que a Muralla lucense tivese sido declarada pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. A exposición formábana 50 fotografías de persoas de todos os ámbitos que teñen en común a súa vinculación coa cidade, e a singular visión do fotógrafo que captou “a co-habitación entre o artista, o entorno e a persoa que posaba”. A mostra puido materializarse en libro ao contar o autor coa colaboración do Concello e a Deputación lucenses.
No acto de presentación, presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron ademais do autor Xosé Reigosa, a escritora e xornalista Marta Rivera de la Cruz, -unha das retratadas-, e o coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez.
“A muralla cohabitada é máis que un libro”, dixo Ónega, “é unha obra de arte que une ás magníficas imaxes, textos das plumas máis excelsas da cidade” e formulou tamén un interrogante sobre a bimilenaria muralla, “¿Qué sagrado misterio gardaba a cidade para que nos legasen aqueles homes unha defensa invicta, unha paz protexida pedra a pedra? “.
Marta Rivera explicou que estivo dende o principio encantada con participar no proxecto cando lle foi proposto, aínda que confesou que “tiña as miñas dúbidas, -antes de coñecer a mestría de Reigosa-, de que as fotos fosen semellantes e se repetisen unha e outra vez. Para min foi sorprendente cando vin o resultado porque ningunha imaxe se parece a outra e o autor soubo captar cada persoa cun encadre diferente e a súa propia esencia. É un libro de factura impecable, do que como lucense síntome orgullosa”.
Pola súa banda, Reigosa falou da muralla, das persoas que máis saben dela e fixo un rápido repaso pola súa historia coas datas máis relevantes que marcaron o que é hoxe. “Dende o punto de vista defensivo cumpriu perfectamente o seu papel, pero pasada esa época, houbo os que a consideraron pouco menos que un estorbo”. Estaban os “promurallistas” e os “antimurallistas” e grazas a un grupo de intelectuais nos anos 20 foi declarada Monumento Nacional, o que a salvou de posibles desastres, explicou. Outra data importante foi 1973, ano no que concluíu a limpeza e eliminación de todas as casas e edificios que foran medrando á súa sombra dende séculos atrás.
Noutro momento do acto proxectáronse as 50 fotografías, coas explicacións de Reigosa que ademais de presentar os personaxes retratados, foi comentando algúns dos detalles que rodearan o estudo e realización de cada imaxe.
Foron retratados entre outros, Noemi Mazoy, cantante e actriz, -e que acudiu á Casa-, o tamén actor Luis Tosar, o escritor Xesús Rábade Paredes; o compositor Arturo Vaquero; o clérigo, músico e escritor Xesús Mato; o director da Semana de Cine, Manuel Curiel; os xornalistas José de Cora, Paco Rivera e Juan Soto…